Antecedentes
Nos últimos anos incrementáronse as iniciativas de diversos colectivos e entidades (empresas, administracións públicas, asociacións, colectivos cidadáns, etc.) co obxectivo de loitar contra o cambio climático e acadar a mellora do medio ambiente. Estas iniciativas supuxeron importantes investimentos en tempo e recursos económicos. Con todo, ao non coordinarse, perderon a súa eficiencia e impacto no medio ambiente. Non se aproveitaron as sinerxías nin unha adecuada xestión do coñecemento que servise para aumentar o seu impacto real e resolver os principais retos ambientais de Galicia
Para solucionar esta área de mellora nas iniciativas e proxectos ambientais proponse por parte da Xunta a creación dunha “Alianza Galega polo Clima”.
O Goberno Galego ten como un dos seus principais compromisos responder aos desafíos do clima e a degradación do medio ambiente. A atmosfera está a quentarse, e o clima cambia. Dos oito millóns de especies do planeta, un millón está en risco de extinción. Estamos a destruír os bosques e os océanos.
A Alianza Galega polo Clima é unha resposta a estes desafíos. Aspira tamén a protexer, manter e mellorar o capital natural de Galicia, así como a protexer a saúde e o benestar dos cidadáns fronte aos riscos e efectos ambientais. Esta Alianza é unha rede de organizacións implicadas na loita do cambio climático, a mellora do ambiente e o impulso dunha economía circular.
Obxectivos
Os obxectivos desta Alianza Galega polo Clima son:
- Avogar por un compromiso de Acción Climática das diferentes organizacións que integrarán a Alianza.
- Visualizar o compromiso das organizacións galegas coa Acción Climática.
- Definir a priorización de estratexias e iniciativas comúns (sinerxía/coordinación) que resolvan os principais problemas ambientais de Galicia.
- Impulsar iniciativas de mellora en prácticas de sustentabilidade ambiental das organizacións e a sistemática de compartir estas boas prácticas.
- Realizar recoñecementos públicos de implicación coa mellora do medio ambiente.
- Identificar os factores, as brechas de coñecemento e de xestión que obstaculizan que as organizacións e as entidades non asuman un de Acción polo Clima e sustentabilidade ambiental.
- Ofrecer ferramentas a pequenas e medianas empresas e entidades locais para que poidan incorporarse de forma activa á Alianza e a unha mellora medio ambiental dos seus procesos.