A Xunta traslada ao tecido empresarial galego que a Lei de administración ambiental simplificada acurtará trámites grazas ao principio de autorización única

Mércores, 27 Novembro 2024

A Xunta subliña a importancia que terá a futura Lei de administración ambiental simplificada de Galicia para os diferentes colectivos profesionais implicados no impulso e desenvolvemento de novas iniciativas empresariais e proxectos na comunidade xa que introducirá o principio de autorización única en materia ambiental e contribuirá, deste xeito, a acurtar trámites.

Así llo trasladou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, a representantes da Confederación de Empresarios de Galicia e das confederacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, cos que se reuniu para abordar o contido e principais obxectivos da norma autonómica.

Unha vez superada a fase de consulta pública previa, a conselleira explicou que o seu departamento está traballando na redacción do borrador normativo, un proceso no que aproveitará a opinión dos diferentes colectivos consultados de cara a recompilar ideas e buscar unha postura de consenso.

Neste sentido, Vázquez Mejuto subliñou a importancia de que diferentes entidades, empresas e organizacións profesionais teñan ocasión de expoñer os problemas que cren que a futura norma pode resolver para garantir que esta responda ás demandas e necesidades dos principais implicados.

Cómpre lembrar que coa Lei de administración ambiental simplificada a Xunta aspira a situar Galicia nunha posición de vangarda a través da aprobación dun dos ordenamentos ambientais máis modernos e innovadores de todo o país que garanta e ofreza á vez a seguridade xurídica que demandan neste eido tanto promotores como administracións.

Con esta xuntanza péchase a rolda de contactos iniciada en outubro co fin de consensuar o documento inicial cos principais sectores, colectivos profesionais e entidades que, pola súa actividade ou finalidade principal, se poidan ver afectados directa ou indirectamente pola futura lei. De feito, o obxectivo é contar co primeiro borrador da norma este mesmo ano e remitir o proxecto ao Parlamento para a súa aprobación en 2025.