Xoves, 10 Outubro 2024
Paula Uría pon en valor que MeteoGalicia conta cunha extensa rede de observación e un conxunto de modelos numéricos, que permiten avisar tanto á cidadanía como ás diferentes administracións de calquera parámetro que poida supor un risco.
Durante a súa participación na conferencia internacional da Climate Alliance, que se celebrou na cidade portuguesa de Cascais, a directora xeral subliñou que o quecemento global está a provocar que os fenómenos adversos se produzan cada vez con maior frecuencia e intensidade, polo que é fundamental contar con información detallada e en tempo real de todas as variables de interese de cara á posta en marcha de sistemas de alerta temperá.
Nesa liña, Paula Uría puxo en valor que a Comunidade conta con MeteoGalicia, un servizo meteorolóxico propio cunha extensa rede de observación e un conxunto de modelos numéricos, que permiten avisar tanto á cidadanía como ás diferentes administracións de calquera parámetro -chuvia, vento, neve, temperaturas, treboadas, etc.- que poida supor un risco.
De feito, MeteoGalicia colabora, por exemplo, coa Consellería de Sanidade no sistema de alerta temperá por episodios de calor e coa Consellería do Medio Rural no cálculo do índice diario de risco de incendios forestais (IRDI). Ademais, os técnicos do servizo de extinción de lumes teñen un acceso simple e rápido aos modelos de predición, o que lles permite coñecer de antemán a evolución nunha área determinada de variables como a temperatura, a humidade ou o vento.
Ademais da colaboración interdepartamental, a directora xeral fixo fincapé no traballo que desenvolve o Goberno galego promovendo a cooperación entre administracións de cara a reforzar a resiliencia da Comunidade ante o cambio climático. Así, lembrou que a Xunta presentou o pasado mes de maio a Rede local polo clima, de cara a coordinar cos concellos as actuacións para aproveitar sinerxías na loita contra o quecemento global e, ao mesmo tempo, promover políticas locais de sustentabilidade ambiental, facilitando a xestión do coñecemento así como a difusión e intercambio de experiencias.
Esta medida vén complementar o traballo desenvolvido a través do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, que pasou de 22 concellos adheridos cando a Xunta asumiu a coordinación desta medida en 2017 aos 285 concellos actuais, dos que preto do 92% xa elaboraron o correspondente Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), que son follas de ruta fundamentais de cara a mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2.
Para concluír, Paula Uría salientou que estas iniciativas, xunto con outras como a Alianza galega polo clima, dirixida ao tecido produtivo e social, están a contribuír a consolidar Galicia como referente na loita contra o cambio climático, tal e como proba o feito de que a Climate Alliance considere a Comunidade como rexión modelo nesta materia.