A Xunta pon en valor a axilidade na tramitación das repotenciacións eólicas voluntarias ao autorizalas en menos dun ano desde a recepción do proxecto definitivo

Mércores, 11 Xuño 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor hoxe no Parlamento que a Xunta completou este mes a autorización das nove repotenciacións voluntarias de parques eólicos solicitadas polo sector, un procedemento que ademais se tramitou cunha gran axilidade pois autorizáronse en menos dun ano desde a recepción dos proxectos definitivos, co que non se alongan máis de dous anos, como di o mandato comunitario.

Neste sentido, a responsable autonómica salientou que eses proxectos van permitir reducir preto dun 80 % a presenza de aeroxeradores neses nove parques -suprimindo 286- e incrementando un 35 % a produción de enerxía renovable coa mesma potencia. A maiores, esas repotenciacións terán un importante beneficio ambiental pois evitarán a emisión de máis de 100.000 toneladas de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera, o que contribuirá á descarbonización da economía e a avanzar cara a neutralidade climática.

A conselleira lamentou, non obstante, a situación do sector e as dificultades para elevar a produción eólica na comunidade polas paralizacións de parques decretadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Neste sentido, defendeu a rigorosidade dos técnicos da Xunta en todas as avaliacións ambientais que realizan para a implantación de aeroxeradores no territorio e mostrou a súa confianza en que os tribunais acabarán dándolle a razón a Galicia.

Nesta liña, Ángeles Vázquez censurou tamén que moitas das suspensións do TSXG se fundamentan en dúas ferramentas cartográficas do Goberno central que delimitan áreas sensibles, pero que son orientadoras e non impiden a instalación de eólicos nelas. De feito, de manterse o criterio do Alto Tribunal galego, non poderían autorizarse parques en ningún punto de Galicia.

Por iso, a conselleira lembrou que a Xunta xa lle trasladou en varias ocasións ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a necesidade de clarificar e regular esta cuestión que está a frear de maneira inxustificada a implantación de eólicos na comunidade. No mesmo sentido, destacou que Galicia elaborou unha base de datos cartográfica en resposta á planificación das zonas de aceleración de renovables que exixe Bruxelas e na que se definen claramente aqueles espazos nos que poden implantarse eólicos na comunidade con maior rapidez.

Ángeles Vázquez lamentou que a situación de parálise do sector eólico galego impide avanzar tanto na redución das emisións de CO2 como na loita contra o cambio climático e a protección da biodiversidade apostando polas enerxías renovables.