
A Xunta de Galicia comeza a materializar o proxecto SICLE CO2, e licitará a próxima semana a plataforma do mercado voluntario de créditos de carbono de Galicia, un instrumento tecnolóxico fundamental para que a comunidade avance no obxectivo de neutralidade climática no ano 2040, tal e como avanzou hoxe na Coruña a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.
Ante os asistentes ao II Foro Técnico da Alianza Galega polo Clima, que reuniu na cidade herculina a un cento de membros de entidades e empresas, Ángeles Vázquez expuxo a importancia de lograr licitar xa a primeira das accións previstas dentro do SICLE CO2. Este proxecto acadou este ano un financiamento de 6,8 millóns no marco da Compra Pública Innovadora que busca apoiar solucións baseadas na I+D+i que non están dispoñibles no mercado ou que necesitan ser adaptadas.
Neste contexto, a titular de Medio Ambiente concretou que o proxecto SICLE CO2 desenvolve unha metodoloxía que marcará os criterios formais e obxectivos para recoñecer e valorar os proxectos de absorción de carbono e crea a plataforma dixital que permitirá poñer en marcha o sistema; elementos que irán acompañados dunha Oficina Técnica para axudar na súa xestión.
Tras afirmar que estamos ante a primeira licitación de Galicia correspondente a un proxecto do último paquete de Compra Pública Innovadora, Ángeles Vázquez animou ás entidades privadas a utilizar a futura plataforma tecnolóxica que, coa previsión de entrada en funcionamento no primeiro trimestre de 2026, servirá de nexo entre operadores que oferten créditos de carbono e aqueles interesados en compensar as súas emisións.
A conselleira de Medio Ambiente inaugurou hoxe, na Coruña, o segundo foro técnico que reúne a entidades e empresas vinculadas á Alianza Galega polo Clima para analizar os casos de éxito empresarial para avanzar na descarbonización e na mitigación das emisións de CO2. Trátase dun encontro organizado para impulsar a cooperación público-privada para a análise e deseño de estratexias que permitan acelerar a adopción de prácticas de sostibilidade ambiental de cara a acadar a neutralidade climática da Comunidade.
Incentivos na Lei do Clima
Ángeles Vázquez agradeceu a implicación do sector privado no obxectivo de lograr que Galicia acade a neutralidade climática no ano 2040, é dicir, dez anos antes do que marca a Unión Europea. Ao respecto, explicou que o compromiso da Xunta con este obxectivo aparece no proxecto de Lei do Clima de Galicia, que xa entrou no Parlamento.
Precisamente, ante a tramitación parlamentaria que se realizará nos vindeiros meses, a titular de Medio Ambiente apelou a lograr unha Lei do Clima “consensuada” e “na que Galicia se sinta representada”. Así, animou ao sector privado a que afonden no contido do texto legal e que trasladen aos grupos parlamentarios as súas consideracións.
Lembrou que a norma regulará a contratación pública verde, que integrará de forma progresiva criterios climáticos nos contratos do sector público autonómico. Tamén remarcou que, para agradecer “o esforzo” do sector privado, a lei prevé medidas fiscais e axudas públicas que beneficiarán as empresas que traballen sobre o impacto climático.
A iniciativa Alianza galega polo clima, posta en marcha pola Xunta en 2022 con adhesión voluntaria, reúne xa a preto de 230 entidades adheridas, entre universidades, organismos, autoridades portuarias, entidades asociativas ou empresas. Entre o primeiro foro celebrado en setembro de 2024 e esta segunda edición, esta agrupación de entidades e empresas desenvolveron diferentes encontros sectoriais, sesións formativas e primeiro programa de mentoring, no que grandes empresas guían a outras máis pequenas para avanzar no eido da descarbonización e a redución de gases contaminantes
O II Foro Técnico da Alianza Galega polo Clima serviu para que Administración e sector privado reflexionasen sobre os tractores da descarbonización desde a Gobernanza e, a partir das experiencias do I Programa de mentoring, sobre os casos de éxito tanto en I+D+i, bo goberno, sensibilización e formación do cambio climático como en mitigación das emisións de GEI e adaptación aos impactos.