A Xunta impulsa o sistema SICLE CO₂ para compensar emisións e xerar novas oportunidades verdes

Xoves, 23 Outubro 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que o sistema voluntario de créditos de carbono de Galicia impulsa a acción climática coa combinación do compromiso ambiental coa oportunidade económica para innovar, medrar e mellorar a vida das persoas.

Durante a súa intervención na sesión ordinaria do pleno da Comisión interdepartamental para o impulso e coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura, Ángeles Vázquez explicou que esta iniciativa reforzará o papel do sector privado nesta transición xusta e verde.

En concreto, o desenvolvemento tecnolóxico desta acción farase no marco do proxecto SICLE CO2, que pretende un dobre obxectivo. Por unha banda, promoverá proxectos de absorción de carbono para acadar a neutralidade climática e, por outra banda, xerar novos modelos de negocio en áreas estratéxicas para Galicia, como o sector forestal, o agrario ou o acuícola.

Tal e como indicou a conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, este sistema permitirá que empresas, organizacións e cidadáns poidan compensar as súas emisións mediante proxectos que reduzan ou absorban gases de efecto invernadoiro como a reforestación, a conservación dos montes, a acuicultura sostible ou as enerxías renovables.

Nese senso, Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta xa está dando pasos para a posta en marcha deste sistema. Así, xa licitou o contrato para o desenvolvemento da plataforma integral de xestión activa de sumidoiros naturais de carbono de Galicia, cun orzamento base de 6 millóns de euros. A maiores, cómpre subliñar tamén que o proxecto SICLE CO2 é un dos oito proxectos galegos seleccionados este ano na convocatoria de Compra Pública Innovadora.

Este proxecto desenvolverá un market place, con trazabilidade verificada, que permitirá o intercambio económico de créditos de carbono entre propietarios de proxectos de absorción e interesados en adquirir eses créditos. Ademais, tamén creará un banco de parcelas a través da análise do potencial de absorción de carbono en Galicia -superficies forestais, parcelas agrarias, etc-.

Durante a súa participación na comisión interdepartamental, a conselleira incidiu en que con esta iniciativa a Xunta dá cumprimento a un dos compromisos centrais do proxecto de lei do clima de Galicia, que vén de iniciar a súa tramitación parlamentaria. Segundo dixo, esta nova normativa fixa o clima como eixo transversal de todas as políticas públicas galegas. Deste xeito, cada decisión, plan, contrato ou programa nas áreas estratéxicas deberá integrar a perspectiva climática e, ademais, elaborarase un programa de contratación pública verde.

Por outra banda, este novo texto normativo reforzará as funcións da Comisión interdepartamental para o impulso e coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que é o órgano que coordina a acción das distintas consellerías neste eido desde 2019; e, a maiores, creará a Oficina de Cambio Climático no marco do eixo estratéxico da gobernanza.