Ángeles Vázquez salienta a importancia da rolda de contactos iniciada o mes pasado cos principais sectores, organizacións profesionais e entidades afectadas pola futura norma, unha vez finalizada a consulta pública previa e iniciada a redacción do primeiro borrador.
A Xunta de Galicia prevé habilitar un punto informativo e de asesoramento dirixido a orientar a todas aquelas entidades solicitantes de autorizacións ambientais durante a tramitación administrativa deste tipo de procedementos. Deste xeito, garantirase que teñan acceso á información necesaria e ademais, que se poidan cumprir os prazos marcados para a concesión de autorizacións.
Así llo trasladou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, a representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia, da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia, da Asociación Clúster do Naval Galego e do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, cos que se reuniu para abordar o contido e obxectivos da futura Lei de administración ambiental simplificada, entre os que destacou, precisamente, a creación deste novo punto de contacto.
A xuntanza enmárcase na rolda de reunións iniciada polo departamento autonómico o pasado mes de outubro co fin de consensuar o documento inicial cos principais sectores, colectivos profesionais e entidades que, pola súa actividade ou finalidade principal, se poidan ver afectados directa ou indirectamente pola nova norma.
Unha vez superada a fase de consulta pública previa da lei, que finalizou o pasado 1 de setembro, a conselleira aproveitou a xuntanza para explicarlles aos representantes das catro organizacións sectoriais que o próximo paso será abordar a redacción do borrador normativo, ao tempo que seguirá citando a outros colectivos para coñecer a súa opinión e recompilar ideas, na busca dun texto participado e de consenso.
Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou a importancia de que as principais entidades e organismos interesados teñan ocasión de expoñer os problemas que cren que a norma pode resolver para garantir que responda tamén ás demandas e necesidades do sector.
Os encontros prolongaranse ao longo de novembro e decembro co obxectivo de contar cun primeiro borrador da norma antes de que remate o ano e remitir o proxecto lexislativo ao Parlamento galego para a súa aprobación en 2025.
Cómpre lembrar que coa Lei de administración ambiental simplificada a Xunta aspira a situar Galicia nunha posición de vangarda a través dun dos ordenamentos ambientais máis modernos e innovadores de todo o país, que garanta e ofreza á vez a seguridade xurídica que demandan neste eido tanto promotores como administracións públicas.