
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe que a Xunta financiará con 100.000 euros a investigación da Misión Biolóxica de Galicia para garantir a preservación de sementes de especies vulnerables, así como dos solos e comunidades microbianas asociadas, para consolidar Galicia na vangarda da conservación ambiental.
Segundo explicou durante a visita que fixo esta mañá ao Banco de Xermoplasma de Galicia, a conselleira cualificou como proxecto necesario a iniciativa que busca preservar as variedades autóctonas e adaptadas ao noso territorio, que é a mellor maneira de garantir un futuro sostible e resiliente ante os desafíos que temos por diante como o cambio climático.
Nese senso, puxo en valor “a auténtica xoia” que supón o Banco de Xermoplasma, que é unha das coleccións máis importantes de España con máis de 3.000 variedades tradicionais galegas conservadas, protexidas e postas ao servizo do futuro.
Así mesmo, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, salientou o enfoque innovador que supón a investigación coa que colaborará a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e que permitirá que Galicia sexa pioneira nunha acción integral que preserve tanto as sementes das especies máis vulnerables, como os solos nos que medran e o seus microbiomas asociados.
Cómpre lembrar que a perda dunha especie non é un feito illado, senón que supón a desaparición dun conxunto de relacións ecolóxicas, dun patrimonio xenético e dun equilibrio que contribúe á saúde do planeta e ao benestar humano.
En concreto, o obxectivo deste proxecto é conservar 65 especies galegas en perigo ou vulnerables creando a base para a restauración futura dos ecosistemas. Levarase a cabo unha conservación ex situ -sementes en banco de xeoplasma- e realizarase unha caracterización primaria das especies de plantas superiores incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA). E, como novidade, tamén se preservarán ex situ os solos e as comunidades microbianas asociadas a esas plantas vulnerables.
A maiores, elaborarase unha base de datos completa coa información obtida para ter un rexistro dixital das principais características das especies de plantas superiores incluídas no CGEA.
Logo de enxalzar o equipo multidisciplinar que traballa na Misión Biolóxica de Galicia, que está formado por 150 persoas -científicos, investigadores, técnicos, persoal administrativo e de apoio-, a conselleira salientou que as investigacións sobre o millo, as brásicas, as legumes ou a vide teñen unha importancia enorme para a economía rural e tamén para o equilibrio dos ecosistemas.
O Banco de Xermoplasma organízase en tres grupos, dedicados ao estudo do millo, das brásicas e dos cultivos hortícolas. No grupo de xenética e mellora do millo consérvanse 241 poboacións, que pertencen aos cultivos de millo gran -con 136 poboacións de razas e variedades galegas das 198 totais-, millo doce -de orixe norteamericana- e millo de flocos de millo -con 27 poboacións, das que 5 son variedades galegas-.
No caso do grupo de xenética, mellora e bioquímica das brásicas, inclúe 600 entradas, que son na súa maioría de variedades locais galegas de especies como, por exemplo, a verza, o repolo, os nabos, as nabizas ou os grelos.
Finalmente, no grupo de bioloxía de agrosistemas, a colección de cultivos hortícolas reúne preto de 2.600 variedades de especies como a xudía común e a escarlata, o chícharo, o garavanzo, o pemento, o tomate ou o trigo.