A Xunta desenvolve un proxecto piloto para instalar puntos de carga sostibles en centros sanitarios co obxectivo de avanzar cara a neutralidade climática

Mércores, 20 Novembro 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron hoxe un convenio de colaboración para impulsar estudos, accións e medidas conxuntas que permitan avanzar cara a un sistema público de saúde en Galicia máis sustentable, respectuoso co medio ambiente e neutro desde o punto de vista das emisións.

Nesa liña, os representantes autonómicos puxeron hoxe en valor unha das primeiras medidas desenvolvidas ao abeiro desta iniciativa. Trátase dun proxecto piloto para instalar puntos de carga sostibles de dispositivos electrónicos dotados con bicicletas estáticas eléctricas que se desenvolverá con carácter pioneiro no Hospital Público Álvaro Cunqueiro.

Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, durante a súa visita ao punto de recarga habilitado no hospital Álvaro Cunqueiro, a idea é que os doentes ou os seus acompañantes poidan cargar os seus dispositivos ao tempo que se manteñen activos durante a espera pola súa quenda.

A maiores, Ángeles Vázquez subliñou que, ao abeiro do convenio asinado hoxe, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinará 170.000 euros, en tres anualidades, para o financiamento de actividades e formación de persoal así como para facilitar información e orientación técnica para a articulación das actuacións previstas.

Tamén se desenvolverán outras iniciativas como, por exemplo, a colaboración e asesoramento por parte de MeteoGalicia para determinar os condicionantes climáticos a ter en conta na planificación, localización e deseño de infraestruturas sanitarias, é dicir, aqueles factores que hai que considerar en cada zona para garantir a resiliencia e funcionalidade das instalacións ante posibles eventos climatolóxicos extremos.

Ademais, realizarase un inventario de emisións das instalacións do Servizo Galego de Saúde, avaliando as medidas máis axeitadas para mitigar as achegas contaminantes; e incidirase na sensibilización e concienciación social dos profesionais a través da formación en materia de clima e saúde.

Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou que, con proxectos como o presentado hoxe, o Hospital Público Álvaro Cunqueiro é referencia da aposta de Galicia por unha sanidade pública sostible.

Referiu outras iniciativas postas en marcha neste centro hospitalario, como a do ecopastoreo, que emprega cabras para unha roza natural, ou o Proxecto de autonomía e mellora da sostibilidade, que foi galardoado recentemente co premio ‘Sanidade polo clima’ e que consiste na ampliación da instalación fotovoltaica do hospital con máis de 5.400 placas solares, evitando a emisión de 1.500 toneladas de CO2 por ano.

Gómez Caamaño incidiu en que a Estratexia de economía circular do Servizo Galego de Saúde 2023-2030 sitúa á sanidade pública galega na vangarda da protección do medio. Explicou que esta estratexia se fixa obxectivos concretos, como reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO2 ata o ano 2030 e lograr as cero emisións no horizonte do ano 2040.

O acordo asinado hoxe enmárcase no desenvolvemento da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 (EGCCE) aprobada pola Xunta no ano 2019 como instrumento planificador na loita contra o quecemento global e da Estratexia de economía circular 2020-2030 do propio Servizo Galego de Saúde (Sergas). O obxectivo é implementar a curto prazo as accións necesarias para seguir avanzando en materia de clima e economía circular no eido sanitario e convertelo así nun referente en Galicia na loita contra o cambio climático.