A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, apelou hoxe á responsabilidade social empresarial do tecido produtivo galego para avanzar cara á neutralidade climática.
Durante a súa intervención na xornada A propósito da sostibilidade, organizada por GL Ecological Solutions, a directora xeral lembrou que a loita contra o cambio climático require un compromiso transversal, conxunto e coordinado das administracións e dos sectores económicos e sociais que contribúa a consolidar a resiliencia da Comunidade ante este fenómeno global.
Nesa liña, Paula Uría lembrou que o Goberno galego leva anos desenvolvendo medidas que favorezan esa cooperación público-privada e puxo como exemplo a Alianza galega polo clima. Esta iniciativa, posta en marcha en 2022, reúne xa a máis de 150 entidades adheridas entre universidades, organismos, empresas, autoridades portuarias ou entidades asociativas co obxectivo de traballar de xeito coordinado contra o quecemento global, facer máis resiliente a Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.
Nese senso, cómpre salientar que as entidades adheridas a esta iniciativa teñen á súa disposición unha oficina de apoio en liña para acelerar a adopción de prácticas de sostibilidade ambiental que permitan avanzar cara ese obxectivo dunha Galicia neutra en emisións.
E, ademais, ao abeiro da Alianza galega polo clima está previsto organizar unha serie de eventos e encontros orientados a impulsar novas canles de comunicación e networking que faciliten o intercambio de ideas. De feito, o pasado mes de setembro celebrouse na Coruña a reunión do primeiro foro técnico da iniciativa no que representantes de máximo nivel de entidades adheridas intercambiaron as súas respectivas experiencias co obxectivo de aproveitar sinerxías e multiplicar o efecto desas accións individuais. Así, abordáronse cuestións como o capital natural, o marketing verde ou iniciativas empresariais de economía circular.
Para concluír, Paula Uría incidiu en que “debemos continuar traballando da man para acadar unha economía baixa en carbono, unha eficiencia enerxética, unha mobilidade sostible e un impulso ás fontes de enerxía renovables”. Ademais, fixo fincapé na necesidade de concienciar á sociedade sobre a necesidade de protexer o medio ambiente.