
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Porto de Fontán, en Sada, para comprobar o avance das obras de ampliación e mellora da infraestrutura, que enmarca no compromiso do Goberno galego coa calidade das augas da vila e de toda Galicia.
A actual depuradora leva en funcionamento máis de vinte anos prestando un servizo esencial, pero cómpre adaptala á nova realidade marcada polo crecemento da poboación, especialmente en época estival, e polo aumento das esixencias ambientais e legais en materia de tratamento de augas. Neste sentido, Rueda salientou que o investimento na obra ten como finalidade “dar calidade de vida” nun concello “cun enorme potencial turístico” que precisa destas infraestruturas.
As obras iniciáronse o pasado 1 de xuño e contan cun investimento de 12,6 millóns de euros, asumido integramente pola Xunta con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (FEDER). A actuación permitirá ampliar a capacidade de tratamento da planta para atender as necesidades dunha poboación de máis de 30.000 habitantes no horizonte de 2044, así como incorporar o tratamento dos residuos procedentes de fosas sépticas, o que redundará nunha mellora significativa da calidade ambiental.
O titular do Goberno galego resaltou que a nova EDAR incorporará tecnoloxías avanzadas, como son un reactor biolóxico que incrementará nun 50% a capacidade de carga tratada reducindo nun 40% o espazo necesario, o que permitirá multiplicar por máis do 240% a auga residual tratada sen aumentar a superficie actual.
Segundo explicou, a obra garante que Sada poderá enfrontar picos de poboación sen risco para o sistema de saneamento e minimizar os “efectos indesexados” en períodos de choiva intensa. Ademais, desenvolverase no mesmo emprazamento, garantindo en todo momento a continuidade do servizo, ata a finalización prevista nun prazo de 33 meses.
O presidente agradeceu ao Concello de Sada e a Augas de Galicia a súa colaboración e incidiu en que esta actuación é un exemplo de cooperación institucional, xa que Xunta asume o financiamento e execución, mentres que o Concello recibirá as instalacións para encargarse do mantemento e conservación.
A intervención en Sada forma parte dun esforzo máis amplo en materia de saneamento e depuración que, só en 2025, mobiliza máis de 151 millóns de euros a través de Augas de Galicia, con actuacións en execución ou licitación en concellos como Foz, Vilagarcía de Arousa, Burela ou a Illa de Arousa. Neste sentido, Rueda subliñou a importancia de que “as nosas rías, ríos e costas estean limpas”, xa que “a Galicia Calidade pola que queremos apostar” tamén afecta a este campo.