O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por seguir impulsando en Galicia un ecosistema industrial baseado na “sustentabilidade e na economía circular”.
Así o destacou esta tarde durante a inauguración da nova planta de reciclaxe e fundición que Cortizo abriu en Coirós, acto no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Con esta nova instalación, a empresa familiar dá un paso máis no seu compromiso coa reutilización e xestión de residuos, ao tempo que senta un exemplo para seguir potenciando esta estratexia entre o resto de industrias galegas.
“É un gusto que empresas galegas que empezaron moi pouco a pouco, agora teñan este tamaño e sigan tendo claro que o segredo está en facer as cousas ben”, apuntou, ao mesmo tempo que sinalou que “é posible seguir crecendo, seguir fabricando, e cada vez respectar máis o medio ambiente, a pesar dos obstáculos que a algúns lles encantaría poñer”.
Neste sentido, agradeceu á empresa este investimento de preto de 40 millóns de euros “e que ademais o faga aquí, no rural” e a súa aposta por seguir medrando porque contribúe a engrandecer a marca Galicia Calidade, “que ten que ser moitísimo máis que paisaxes e que gastronomía, que por suposto, pero é sobre todo as cousas que se fan ben aquí e das que nos sentimos orgullosos e que despois fan que moitísima xente nos recoñeza en moitísimos lugares do mundo”.
Iniciativas de apoio
De feito, o titular do Executivo autonómico salientou a importancia de contar con referentes prácticos, como esta planta, para continuar impulsando a sustentabilidade entre o tecido produtivo.
Entre outras iniciativas, o Goberno galego aprobou en 2024 o novo Plan de xestión de residuos industriais de Galicia (PRIGA), que mobilizará 75 millóns de euros ata 2030, co obxectivo de facer avanzar as empresas na economía circular e reducir os residuos. Ao abeiro deste plan, creouse unha oficina pioneira de asesoramento ás industrias que ten como fin orientalas e guialas en todo este proceso.
Ademais, o Goberno galego traballa en axilizar e reducir os tempos da tramitación ambiental, pero mantendo ao máximo o rigor e a esixencia. Esta liña de traballo plasmarase na futura Lei de administración ambiental simplificada, que o mes pasado rematou o trámite de audiencia e información pública.