A primeira edición de MentoringLAB congregou 56 entidades nunha xornada de traballo colaborativo centrada na análise de riscos climáticos, a descarbonización e a comunicación do compromiso climático.
O pasado 7 de xullo, o edificio Fontán da Cidade da Cultura acolleu a primeira xornada de MentoringLAB, unha iniciativa da Alianza Galega polo Clima creada para fomentar o intercambio de coñecemento, a aprendizaxe entre iguais e a colaboración entre as entidades adheridas. O encontro reuniu a 56 representantes de empresas e organizacións, que participaron nunha sesión práctica orientada a identificar os principais desafíos que afrontan na integración da acción climática na súa actividade.
A xornada comezou coa presentación da nova Comunidade B2B da Plataforma da Alianza Galega polo Clima, un novo espazo pensado para favorecer a colaboración, o intercambio de experiencias e o acceso a recursos entre as entidades adheridas. Ademais, compartíronse os resultados da segunda edición do programa de mentoring antes de dar paso ás mesas de traballo temáticas.
Tres mesas de traballo para abordar os retos da acción climática
Durante a sesión, as entidades traballaron de forma colaborativa arredor de tres ámbitos estratéxicos:
- Análise de riscos e oportunidades climáticas.
- Pegada de carbono de alcance 3 e plans de descarbonización.
- Comunicación e gobernanza da acción climática.
As dinámicas permitiron compartir experiencias, identificar barreiras comúns e propoñer solucións que faciliten a integración da acción climática nas organizacións.
Principais conclusións
As conclusións extraídas durante MentoringLAB reflicten que, independentemente do seu tamaño ou sector, as entidades afrontan desafíos moi similares.
No ámbito da análise de riscos climáticos, as organizacións sinalaron a complexidade metodolóxica e a dificultade para traducir os riscos en impactos económicos como os principais obstáculos. Tamén destacaron a necesidade de contar con máis formación, asesoramento técnico e incentivos que faciliten a incorporación desta análise na toma de decisións empresariais.
En relación coa pegada de carbono de alcance 3, os maiores retos están vinculados á obtención de datos fiables ao longo da cadea de valor, á existencia de metodoloxías claras e ao risco de dobre contabilización das emisións. Neste sentido, as entidades consideran prioritario dispoñer de guías prácticas, formación específica e medidas de apoio que impulsen a medición e redución destas emisións.
Pola súa banda, a mesa dedicada á comunicación e gobernanza climática puxo de manifesto a importancia de integrar a acción climática na estratexia das organizacións, implicar a toda a cadea de valor e comunicar os compromisos adquiridos con maior rigor e transparencia. As entidades tamén demandaron máis recursos, asesoramento e ferramentas que faciliten este proceso.
Un punto de partida para seguir avanzando
As conclusións de MentoringLAB servirán para orientar as próximas actuacións da Alianza Galega polo Clima, adaptando os seus servizos ás necesidades reais das entidades adheridas e impulsando novas accións de formación, colaboración e acompañamento que contribúan a acelerar a transición cara a unha economía máis resiliente e baixa en carbono.
