A importancia de apostar pola investigación para avanzar na reutilización de residuos e consolidar un modelo de economía circular

Venres, 16 Maio 2025

A Xunta destaca a importancia de intensificar os esforzos na aposta pola investigación co fin de avanzar na reutilización dos distintos residuos que se xeran -tanto nos fogares como nas industrias- e consolidar un modelo de economía circular responsable e respectuoso co medio ambiente.

Así o destacou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa visita ás instalacións que o centro tecnolóxico AIMEN ten no Porriño, onde puxo en valor o labor que realizan este tipo de entidades no ámbito da sustentabilidade e a innovación tecnolóxica. Neste senso, salientou que este centro é un bo exemplo de empresa innovadora vinculada coa economía circular, o uso eficiente dos recursos e a valorización de subprodutos e residuos.

De feito, incidiu a responsable autonómica, ten capacidade para transformar residuos en materias primas de alto valor engadido creando oportunidades de negocio sostible onde antes había un problema, o que encaixa coa pretensión da Xunta -apoiando aos concellos e ás empresas- de que Galicia sexa un referente no coidado da contorna e na aposta pola economía circular a todos os niveis.

Ángeles Vázquez lembrou que este centro tecnolóxico tamén ten en marcha proxectos relacionados coa xestión e a calidade da auga, unha cuestión vital para a comunidade dado que se trata dun recurso fundamental para o conxunto da cidadanía, para o tecido produtivo e para a conservación dos espazos naturais da comunidade.

Precisamente, a Xunta está a apoiar ás empresas e concellos na aposta por ese modelo de economía circular, para o que convocou distintas axudas co fin de avanzar na xestión dos distintos residuos e tamén está a colaborar e a asesorar ás entidades públicas e privadas para que adopten medidas coas que optimizar tanto a xestión como o tratamento do lixo e a sensibilización do conxunto da cidadanía nas prácticas respectuosas neste eido.

A entidade

AIMEN é un centro tecnolóxico e de innovación creado en 1967 altamente especializado no campo dos materiais e as tecnoloxías de fabricación avanzada. Entre as súas especialidades están os traballos de unión e soldadura, tecnoloxías láser aplicadas ao procesamento de materiais, a robótica e a automatización.

Esta entidade factura preto de 22 millóns de euros anuais e conta con máis de 300 traballadores entre as súas oficinas centrais do Porriño e outras repartidas por España, que prestan servizos a nivel internacional. De feito, nos últimos 10 anos participou en 282 proxectos de I+D+i, o que a converte nunha entidade referente na investigación e desenvolvemento de solucións innovadoras que favorecen a sustentabilidade e a optimización dos recursos industriais.