
A Xunta de Galicia puxo hoxe en valor a importancia de fomentar a investigación e a innovación desde diferentes disciplinas para poder afrontar os principais retos do quecemento global desde unha posición de vangarda e avanzar así cara ao obxectivo da neutralidade climática, que busca compensar as emisións de CO2 coas absorcións.
Así o destacou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen visitou a sede principal do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) da Universidade de Santiago de Compostela, un dos 10 institutos investigadores do sistema universitario galego co recoñecemento CIGUS da Xunta, que avala a calidade e o impacto do seu traballo.
Tras lembrar que Galicia aspira a converterse na primeira comunidade en fixar por lei o compromiso de ser climaticamente neutra no horizonte do ano 2040, a conselleira considerou que o cumprimento deste ambicioso reto require contar co apoio e as achegas de investigadores como os que traballan no Cretus.
Precisamente, Ángeles Vázquez reuniuse cos principais responsables do centro de investigación ambiental compostelán e parte do seu persoal científico e técnico para coñecer cales son as súas principais áreas estratéxicas de traballo e analizar o posible establecemento de sinerxías en materia climática de cara a un futuro.
Neste sentido, a conselleira convidou á dirección do centro a sumarse ao Foro de Acción Climática, órgano colexiado de participación que se creará ao amparo da futura Lei do clima de Galicia, remitida ao Parlamento o mes pasado para a súa tramitación definitiva.
En concreto, algunhas das áreas nas que se está centrando actualmente o Cetrus para desenvolver estratexias innovadoras ante os actuais desafíos ambientais son a recuperación de solos degradados ou contaminados, a produción de bioplásticos ou a aplicación de bioprocesos no tratamento de augas residuais, entre outras.
Ademais, durante a súa visita a responsable autonómica tivo ocasión de facer un percorrido polos diferentes laboratorios cos que conta este centro de carácter multidisciplinar e coñecer dous dos seus proxectos máis destacados: PollutedPast e EqualSea.
Segundo lle trasladaron á conselleira, ambas investigacións foron distinguidas coas axudas económicas Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación, destinadas a financiar proxectos de excelencia para científicos e científicas cunha traxectoria xa consolidada. Neste caso concreto, o Cretus recibiu un total de 4 millóns de euros para desenvolver ambas investigacións, 2 millóns para cada unha.