Galicia participou esta semana no municipio Sueco de Ronneby nun foro organizado pola Misión de Adaptación ao Cambio Climático da UE co fin de servir de espazo de reflexión e intercambio de experiencias entre os seus membros para fortalecer a comunidade e reforzar a creación de alianzas. En total, asistiron preto de 800 autoridades nacionais, rexionais e locais tanto de forma presencial como virtual para facer balance, identificar problemas comúns e reflexionar sobre o camiño que teñen por diante.
Trátase da segunda reunión de traballo na que participa a Xunta desde que en setembro do ano pasado fora seleccionada para formar parte desta iniciativa impulsada pola Comisión Europea para avanzar na loita contra o quecemento global.
Nesta ocasión, a delegación enviada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tivo a oportunidade de intervir nos paneis de discusión do día 13 —segunda e última xornada do foro— para poñer en valor a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 así como os avances da Alianza Galega polo Clima, un exemplo de colaboración público-privada na loita contra o cambio climático.
Así mesmo, a Xunta participou nos obradoiros e debates sobre como aumentar a colaboración entre autoridades e outros axentes implicados na Misión. Outro tema abordado en profundidade foi a necesidade de pasar do coñecemento ás solucións e sobre todo, ampliar as medidas de adaptación e replicalas noutros territorios.
A través deste evento se buscan tamén novas formas de financiación europea enmarcadas nas Misións, como son os novos fondos CLIMAAX e Pathways2Resilience (P2R), e cómpre subliñar que grazas ás políticas públicas que se levan a cabo desde a Xunta, Galicia pode acceder a estes novos horizontes europeos para acadar os obxectivos climáticos.
Neste senso, cómpre destacar o papel asumido polo Goberno galego como coordinador desde o ano 2018 do Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía na Comunidade, un proxecto recoñecido a nivel internacional e no xa están adheridos máis do 90 % dos 313 concellos de Galicia.