Boas prácticas para gozar dunha noite de San Xoán de xeito sostible e respectuoso co medio ambiente

Luns, 23 Xuño 2025

A delegada da Xunta en A Coruña, Belén do Campo, acompañada  pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, fixo, esta mañá, un chamamento á cidadanía para que celebre a noite de San Xoán dun xeito sostible e respectuoso co medio ambiente a través dun decálogo de boas prácticas baixo o lema Por un San Xoan de 10!

A Xunta avoga por manter as praias limpas de residuos e tamén para ser respectuosos coa preservación dos valores naturais dos areais, tal e como subliñou a delegada durante unha visita á praia da Ribeira, no concello de Miño.

Nesa liña, a representante do Goberno autonómico lembrou as pautas de comportamento claves para que esta celebración non deixe “pegada” no medio ambiente. Así, reiterou a importancia de recoller os refugallos xerados e depositalos no contedor que corresponda para o seu correcto tratamento. Ademais, recomendou o uso de friameiras, vaixela e bolsas reutilizables para reducir a xeración de residuo. Segundo insistiu a delegada, “unha simple bolsa de plástico tarda 400 anos en degradarse”.

Belén do Campo tamén avogou por reducir o desperdicio alimentario facendo un bo cálculo dos asistentes para evitar comprar máis comida e bebidas do necesario. Ademais, recoméndase evitar os espazos naturais. Nesta liña recalcou, en canto á localización das fogueiras, que están prohibidas en espazos naturais protexidos e que, aínda que o lugar non estea catalogado baixo ningunha figura de protección, “debemos ser respectuosos porque é o hábitat de diferentes especies de flora e fauna que temos que coidar”. O decálogo tamén aconsella queimar só madeira, recoller as cabichas e reducir a contaminación acústica.