Apostar pola calidade e innovación da xestión da auga en Galicia

Mércores, 11 Xuño 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na inauguración do novo laboratorio de Espina & Delfín, unha infraestrutura pioneira en Galicia que, segundo subliñou, representa un paso adiante no compromiso desta empresa coa innovación, a sustentabilidade e a excelencia no ciclo integral da auga, e demostra que “aquí as cousas fanse ben, con calidade”.

Rueda puxo en valor o labor desta compañía galega, referente no sector dende hai décadas, e destacou a súa aposta continuada pola tecnoloxía, o talento e a creación de emprego cualificado: “Trátase doutra empresa familiar galega que colle a testemuña e non só a manteñen senón que a engrandecen e miran para o futuro. Grazas por este traballo”, salientou o presidente. 

A Xunta mantén unha colaboración estreita coa empresa a través de Augas de Galicia, cun investimento acumulado que supera os 52 millóns de euros dende 2009 en contratos de obra e explotación de servizos hidráulicos. Entre os proxectos desenvolvidos conxuntamente, encóntranse actuacións destacadas como as melloras na EDAR de Viveiro, a nova depuradora da Cañiza ou a planta de tratamento das Pontes, así como contratos de xestión en vigor como o sistema de abastecemento na marxe dereita da ría de Arousa ou a EDAR de Ponte do Porto.

O novo laboratorio, segundo explicou, permitirá avanzar na calidade e eficiencia das análises das augas de consumo e residuais, grazas a unhas instalacións dotadas con tecnoloxía de vangarda e un equipo de 12 profesionais altamente cualificados. Esta infraestrutura sitúa a Espina & Delfín á cabeza do sector en Galicia no eido dos controis hídricos. 

O presidente da Xunta sinalou que este tipo de investimentos non só melloran as infraestruturas e a calidade do servizo, senón que tamén representan un beneficio directo para a cidadanía, ao garantir controis máis rigorosos sobre a calidade da auga, a depuración e o cumprimento das esixencias sanitarias e ambientais: “Son investimentos que, sen ser lucidos, son imprescindibles e dan unha enorme calidade de vida”, apuntou.

O titular do Goberno galego reafirmou o compromiso da Xunta con empresas que contribúen ao progreso da Comunidade a través da I+D+i, a tecnoloxía e o respecto polo medio ambiente. Reivindicou tamén a importancia de contar con operadores galegos sólidos, con capacidade técnica e humana para dar resposta ás necesidades dos concellos e da sociedade en materia de xestión da auga: “Se somos o país dos mil rios e da auga que todo o mundo admira é por algo. E empresas como Espina e Delfín teñen moito que ver”, rematou Rueda.