
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou o convenio de adhesión do Colexio de Enxeñería Forestal á Alianza galega polo clima.
Ángeles Vázquez lembra que os terreos forestais absorberon 9,7 millóns de CO2 en Galicia en 2022, o que representa a cuarta parte de todo o carbono almacenado por este tipo de solo en todo o Estado.
Pon en valor o compromiso ambiental do Colexio de Enxeñería Forestal de Galicia, que se converte na cuarta entidade deste tipo en sumarse á Alianza galega polo clima, que suma xa preto de 200 socios.
A Xunta puxo á disposición dos organismos adheridos a esta iniciativa unha plataforma tecnolóxica con asesoramento especializado para apoialos nas súas accións climáticas
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a importancia de que o sector forestal participe no futuro mercado voluntario de créditos de carbono que está a deseñar a Xunta de Galicia.
Nesa liña, Ángeles Vázquez explicou que é de grande importancia que empresas e organizacións recorran a esta iniciativa para compensar as súas emisións de CO2 porque contribúen a avanzar cara á neutralidade climática.
De feito, durante a sinatura do convenio de adhesión do Colexio Oficial de Enxeñería Forestal de Galicia á Alianza galega polo clima, a conselleira incidiu en que os bosques teñen un “papel crucial” nese eido pola súa función como fixadores de carbono. Así, os terreos forestais absorberon 9,7 millóns de CO2 en Galicia en 2022, o que representa a cuarta parte de todo o carbono almacenado por este tipo de solo en todo o Estado.
Nese senso, Ángeles Vázquez puxo en valor o compromiso ambiental do Colexio de Enxeñería Forestal de Galicia neste eido, que se reforza coa súa adhesión á Alianza galega polo clima, que é unha iniciativa posta en marcha pola Xunta en 2022 e que reúne xa preto de 200 entidades, co obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.
Esta entidade convértese no cuarto colexio profesional que se suma a esta iniciativa -tras o de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, o de Xeólogos e o de Enxeñeiros Técnicos e Grados en Minas e Enerxía- que pretende impulsar entre os seus socios o establecemento de accións de adaptación ou mitigación do cambio climático; o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido; a promoción da investigación ligada ao clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.
A conselleira lembrou que, para apoiar aos organismos adheridos a esta Alianza, a Xunta puxo á súa disposición unha plataforma tecnolóxica, que, ademais de incluír todos os detalles relativos á celebración de xornadas, talleres formativos ou eventos colaborativos, tamén ofrece asesoramento especializado para resolver consultas técnicas, elaborar unha folla de ruta da entidade en base ao seu punto de partida e identificar medidas de adaptación ao cambio climático, así como facer un seguimento das mesmas.
A maiores, a conselleira engadiu que o Goberno galego está a preparar a Lei do clima de Galicia coa idea de que entre para o seu debate no Parlamento antes de que remate o verán. Esta nova normativa incluirá a implantación dun novo modelo de gobernanza para consolidar a acción climática dun xeito transversal e permanente nas políticas autonómicas.