A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o convenio de adhesión desta empresa a esta iniciativa
Ángeles Vázquez enmarca esta adhesión na conmemoración do Día mundial de acción polo clima e incidiu na necesidade de abordar a cuestión climática desde o punto de vista económico, social e, sobre todo, medioambiental e de saúde
A Alianza Galega polo Clima, promovida pola Xunta, sumou o apoio de Espina y Delfín co obxectivo de seguir creando sinerxías na loita contra o quecemento global, tal e como explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a sinatura do convenio de adhesión por parte desta empresa.
Ángeles Vázquez enmarcou esta adhesión na conmemoración, hoxe, do Día mundial de acción polo clima e incidiu na necesidade de abordar a cuestión climática “desde o punto de vista económico, social e, sobre todo, medioambiental e de saúde”.
Logo de salientar que esta Alianza conta xa con 60 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubes deportivos, empresas e outras entidades-, Ángeles Vázquez incidiu na importancia do apoio de Espina y Delfín a unha iniciativa que segue reunindo esforzos que permitan situar a Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático.
Cómpre lembrar que esta Alianza supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.
Nesa liña, a conselleira fixo fincapé en que para Espina y Delfín o compromiso co medio ambiente é unha prioridade en cada proxecto que leva a cabo tanto no eido da construción de obras públicas e hidráulicas como no da xestión integral do ciclo da auga.
Pola súa banda, a conselleira delegada de Espina y Delfín, Rosa Blanca Rodríguez, explicou que “para a nosa empresa o compromiso coa sostibilidade é inalterable e así o reflectimos en cada unha das nosas actividades. Seguimos traballando coa integración dos ODS na nosa estratexia avanzando na ética e no cumprimento na legalidade, na relación cos nosos empregados e na circularidade da auga, xestión ambiental e cambio climático”. E engadiu que a formalización da adhesión de Espina y Delfín á Alianza Galega polo Clima supón un paso máis no camiño para seguir sendo un grupo comprometido, sostible e que promove accións dirixidas á adaptación e mitigación do cambio climático en Galicia.