A Alianza Galega polo Clima incorpora ao grupo Froiz como socio e acada xa as 200 entidades adheridas

Mércores, 14 Maio 2025

A Alianza Galega polo Clima, posta en marcha pola Xunta en 2022 para promover as accións fronte ao cambio climático de todos os estamentos da sociedade galega, conta xa con 200 socios trala incorporación da empresa de distribución alimentaria Froiz. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e os representantes da compañía pontevedresa asinaron hoxe o protocolo para a súa adhesión a esta iniciativa ambiental.

A responsable autonómica agradeceu durante a súa visita ás instalacións do grupo o seu compromiso co coidado do medio ambiente e a decisión de sumarse ao obxectivo común de adoptar medidas para facer fronte ao quecemento global. O seu exemplo, salientou, servirá de inspiración para outras firmas máis pequenas e exercerá un efecto tractor no tecido empresarial existente na súa contorna.

Coa incorporación de Froiz, a Alianza Galega polo Clima conta con 200 entidades adheridas entre as que están pequenas, medianas e grandes empresas, autoridades portuarias, entidades asociativas, organismos de investigación e universidades, centros tecnolóxicos e administracións que se converten en importantes activos para a acción climática de Galicia co fin de acadar a neutralidade climática en 2040.

A conselleira destacou que o compromiso co medio ambiente e a sostibilidade desta compañía se reflicte no seu labor diario con distintas medidas para facer fronte ao cambio climático e reducir a súa pegada de carbono. De feito, as súas plataformas loxísticas contan cun selo que certifica que practicamente o 100% dos residuos que se xeran nelas son reutilizados e convertidos en novos materiais, algo que se estende a todas as áreas de negocio do grupo.

Nesta liña, na súa estratexia de economía circular dá unha segunda vida aos residuos de papel e cartón e traballa en distintos proxectos como o de fabricación de bolsas corporativas a partir de plástico reciclado pola propia empresa.

Balance emisións

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, salientou que estas accións son as que contribúen a que Galicia sexa a comunidade autónoma líder na redución das emisións de efecto invernadoiro respecto a 1990, cun descenso de preto do 62% e moi por enriba da rebaixa do conxunto de España, do 12,6%.

A responsable autonómica lembrou tamén que, co fin de avanzar neste eido, a Xunta está a pedir ao Goberno central que as comunidades autónomas poidan participar e xestionar activamente fondos do Plan Social para o Clima, que contará cun orzamento de 9.000 millóns de euros para o período 2026-2032 dos que un 75% serán aportados por Europa e o 25% serán achegas estatais.

Neste sentido, os distintos departamentos do Executivo galego xa están a avaliar proxectos que poidan beneficiarse destes fondos co fin de manter a senda de actuación fronte ao cambio climático e avanzar na adaptación aos efectos do quecemento global.