A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na clausura da xornada Sector industrial: retos e oportunidades das empresas especializadas na xestión de residuos
Ángeles Vázquez incide en que o Goberno galego mantén un contacto permanente co tecido empresarial para o intercambio de experiencias e posibles solucións de cara a compatibilizar a actividade económica co desenvolvemento sustentable
Reitera a aposta por unha xestión dos residuos baseada na prevención, na preparación para a reutilización e para a reciclaxe, que é fundamental para avanzar cara a unha economía circular e unha transición enerxética xusta e ordenada
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor o compromiso coa sostibilidade e o desenvolvemento dunha Galicia verde do sector medioambiental da Comunidade durante a clausura da xornada Sector industrial: retos e oportunidades das empresas especializadas na xestión de residuos.
No marco desta xornada, organizada pola Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia (Aproema), a conselleira salientou o valor engadido que supón a colaboración con profesionais que teñen obxectivos, intereses, retos e problemas similares.
E, nesa liña, o Goberno galego mantén un contacto permanente co tecido empresarial para o intercambio de experiencias e posibles solucións de cara a compatibilizar a actividade económica co desenvolvemento sustentable da sociedade galega así como coa preservación do noso medio ambiente baixo os principios da economía circular.
Así, logo de explicar que a xestión dos residuos industriais é responsabilidade directa do propio produtor, que ten o deber de asegurar e acreditar o tratamento adecuado dos refugallos que xera, Ángeles Vázquez reiterou a necesidade de implementar dun modelo de xestión sostible que avogue pola diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro, polo fomento da utilización de materias primarias recicladas e do consumo de produtos feitos a partir de delas e polo ecodeseño.
Cómpre lembrar que, nese obxectivo de mitigar os efectos do cambio climático, segundo os datos que acaban de darse a coñecer, Galicia é a segunda comunidade de España que máis reduciu as súas emisións de gases de efecto invernadoiro en 2021 cunha baixada dun 34% con respecto ao nivel de emisións do ano de referencia (1990).
Ángeles Vázquez concluíu incidindo en que Galicia debe apostar de forma decidida por unha xestión dos residuos baseada na prevención, na preparación para a reutilización e para a reciclaxe, que é unha cuestión fundamental para avanzar cara a unha economía circular e unha transición enerxética xusta e ordenada.