A Xunta trasladou hoxe á Comisión de Peticións da Unión Europea a súa inquedanza ante a parálise eólica de Galicia a pesar do interese público superior das enerxías renovables en Europa.
No marco da viaxe que realizou a Bruxelas para participar, en representación das comunidades autonómicas españolas, no Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse co director de Dereitos dos Cidadáns e Asuntos Constitucionais do Parlamento Europeo, Michael Speiser, con quen abordou a situación de inseguridade xurídica que está a xerar en Galicia a actual parálise xudicial e administrativa que afecta a ducias de proxectos eólicos.
Ángeles Vázquez informou ao alto cargo europeo de que esta parálise está a dificultar o cumprimento por parte de Galicia do reto de avanzar cara á descarbonización e á neutralidade climática a través do desenvolvemento de enerxías renovables.
Nese senso, a conselleira fixo fincapé en que a Xunta comparte a visión da Comisión Europea, que considera de interese público superior a planificación, construción e explotación de instalacións de produción de enerxías procedentes de fontes renovables pola súa contribución esencial á loita contra o cambio climático e á protección da biodiversidade.
Nesa liña, a conselleira explicoulle ao alto cargo europeo que o Goberno galego está a realizar coa máxima axilidade todos os trámites que son da súa competencia para impulsar este sector co obxectivo de recuperar o liderado a nivel nacional en potencia eólica instalada. Cómpre lembrar que a Comunidade baixou á cuarta posición debido á sucesión de sentenzas por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) cuestionando a simultaneidade dos trámites de información pública e de consulta de novos parques eólicos.
De feito, Ángeles Vázquez trasladoulle a Michael Speiser o interese da Xunta en que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) resolva o antes posible a cuestión prexudicial trasladada a finais de xuño polo TSXG con relación este tema, ao entender que un pronunciamento xudicial da UE clarificaría e axilizaría os proxectos paralizados na comunidade, ademais de evitar que a inseguridade xurídica neste sector se poida estender a outros países con lexislacións sectoriais similares á española.
Por último, cómpre salientar que Ángeles Vázquez tamén se reunirá esta tarde en Bruxelas con Cristina Lobillo, directora do Grupo de Traballo da Plataforma Enerxética da Unión Europea, que depende da Dirección Xeral de Enerxía da Comisión Europea.