A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na presentación deste documento
Ángeles Vázquez di que ofrece información moi práctica dirixida a que os contratos públicos contribúan a aumentar a sostibilidade e reducir a pegada ambiental
Apela á corresponsabilidade do tecido produtivo para enriquecer coas súas suxestións e achegas este instrumento
A Xunta salienta que a Guía de contratación pública ecolóxica supón un avance cara á economía circular e a neutralidade climática ao ser unha ferramenta de referencia para que todos os órganos da Administración autonómica incorporen consideracións ambientais nas distintas fases dos procedementos.
Segundo incidiu hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, este documento ofrece “información moi práctica” dirixida a que os contratos públicos contribúan a aumentar a sostibilidade e reducir a pegada ambiental en aspectos relacionados, por exemplo, coa eficiencia enerxética, o uso de enerxías renovables, a aposta pola mobilidade e o transporte sostible, a redución de residuos e o seu correcto tratamento e xestión, ou o uso racional dos recursos naturais.
Nesa liña, a guía, xa dispoñible en formato dixital para descarga, conta cunha serie de fichas organizadas en sete bloques divididos por áreas de contratación: edificios e inmobles —con criterios para contratar a iluminación e a subministración de enerxía eléctrica—; oficinas —papel, equipos informáticos, etc.—; mobilidade —vehículos ao servizo da administración—; mantemento e limpeza; alimentación; organización de eventos; e outros servizos —por exemplo, adquisición de material téxtil—.
A vicepresidenta segunda subliñou a aposta pola adquisición de produtos, servizos e obras que teñan un impacto ambiental reducido e que estean en liña coa economía verde e circular.
A maiores, a conselleira incidiu en que a guía está concibida como un instrumento vivo e dinámico de forma que a idea é revisar e actualizar periodicamente esas fichas —mesmo introducir outras novas— para incorporar os datos máis recentes sobre materiais, novas tecnoloxías e posibles cambios lexislativos que poidan resultar de interese para a Administración contratante.
De feito, Ángeles Vázquez apelou á corresponsabilidade do tecido produtivo para enriquecer coas súas suxestións e achegas este documento e afrontar desde a unidade e a cooperación a loita contra o cambio climático a través do emprego racional dos recursos e dunhas prácticas sustentables en todas as nosas accións.
Cómpre lembrar que esta guía contribúe a dar cumprimento ao recollido na Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, que, xunto coa Lei do clima -actualmente en tramitación- e iniciativas como a Alianza galega polo clima, que conta xa con 77 entidades adheridas, son exemplo do compromiso da Xunta co desenvolvemento de políticas medioambientais relacionadas co cambio climático, o emprego racional dos recursos e a produción e o consumo sustentables.