A Xunta salienta o compromiso medioambiental de Aluminios Cortizo como exemplo de éxito da aposta empresarial pola sostibilidade e a circularidade

Martes, 08 Abril 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá o compromiso co medio ambiente de Aluminios Cortizo S.L., un exemplo de éxito, indicou, da aposta pola sostibilidade e a economía circular nos procesos industriais das empresas asentadas en Galicia.

Durante unha visita ás instalacións da firma padronesa, a responsable autonómica explicou que actualmente Aluminios Cortizo ten en Galicia dous centros con autorización ambiental integrada (AAI) e tramita outra para unha nova planta de fundición, proxectada neste caso no concello de Coirós.

Tras lembrar que as instalacións con AAI están sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación e, polo tanto, teñen tamén as maiores obrigas ambientais, Ángeles Vázquez subliñou que, segundo os resultados do último Plan de inspección ambiental da Xunta, o 70% das empresas sometidas a control no período 2019-2024 cumprían “estritamente” coa normativa sectorial vixente e mesmo en moitos casos “ían máis alá” do exixido, como é o caso de Cortizo.

Neste sentido, concluíu que as empresas asentadas na comunidade están “moi concienciadas” co respecto medioambiental e coa necesidade de protexer e contribuír á protección do territorio a través da asunción dun compromiso activo coa acción climática e da aposta por procesos produtivos cada vez máis sostibles e eficientes.

Así o demostra, tal e como declarou a conselleira, o éxito da Alianza Galega polo Clima, iniciativa que conta xa con preto de 200 socios (entre eles, Aluminios Cortizo) e que foi impulsada no ano 2022 pola Xunta para propiciar a creación dun espazo común de colaboración público-privada entre administracións, empresas e universidades co fin de impulsar sinerxías fronte ao quecemento global e os seus efectos.

De feito, a responsable autonómica destacou tamén que a firma padronesa ocupa actualmente unha posición punteira no sector do aluminio, non só a nivel nacional senón tamén internacional, sen renunciar ao seu compromiso ambiental.

Así, referiuse ás accións e investimentos realizados recentemente pola empresa no eido da I+D co fin de minimizar os impactos da súa actividade industrial e incorporar os principios da economía circular ao funcionamento de todas as súas instalacións.

A modo de exemplo, cómpre destacar que na actualidade Aluminios Cortizo valoriza o 88% dos seus residuos; que a división Cortizo Recycling, dedicada á reciclaxe, produce 43.000 toneladas anuais de aluminio de segunda fusión, o que eleva a un 30% a porcentaxe de autoabastecemento de materia prima da empresa; ou que só no último exercicio a empresa reduciu un 6% as súas emisións á atmosfera, contribuíndo así aos obxectivos de descarbonización.