
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe o programa Escolas Verdes polo Clima como exemplo de acción educativa para promover prácticas sostibles e crear unha cultura ambiental entre os máis de 11.000 alumnos e docentes participantes nesta iniciativa.
Durante a súa visita ao alumnado do CEIP de Espedregada, en Poio, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, a conselleira subliñou que desde a súa posta en marcha no ano 2019 xa participaron nesta iniciativa 62 centros, 10.350 alumnos e 677 docentes, que recibiron recursos e ferramentas para converterse nunha “escola máis verde”.
Nesa liña, Ángeles Vázquez explicou que este programa está deseñado para apoiar os centros educativos no seu esforzo para mellorar, innovar e organizar accións educativas que integren desde as primeiras etapas escolares os valores de sostibilidade.
No caso do CEIP de Espedregada, o centro leva a cabo o proxecto ESPE-VER Unha soa acción pode crear mil bosques, que consiste, entre outras accións, na posta en marcha dun composteiro escolar por parte do alumnado de 4º e 5º de primaria. A través desta acción, os escolares serán conscientes de que “estamos rodeados dunha gran cantidade de materia orgánica coa que podemos crear un solo saudable e fértil”, engadiu a conselleira.
A maiores, a conselleira puxo en valor o papel de “mestres” dos alumnos máis maiores, que guiarán e axudarán ao resto dos cursos, así como ás súas familias, a descubrir e tomar conciencia da importancia de coidar e preservar o medio ambiente.
Este proxecto enmárcase na iniciativa Mocidade polo Clima, que é un programa transversal e pioneiro para promover a acción climática entre os galegos de ata 35 anos. Deste xeito, segundo explicou Ángeles Vázquez, actuarase en tres eixos -formación, divulgación e acción- combinando plans de éxito xa asentados na Comunidade, como as Escolas Verdes polo Clima, con novas medidas.
Así, algunhas das accións a desenvolver no marco desta iniciativa, que é unha das principais novidades incluídas no II Plan rexional integrado de enerxía e clima 2024-2030 (PRIEC), son un concurso para premiar proxectos e ideas talentosos, unha serie de charlas en centros escolares a cargo de persoas de referencia no eido do clima, a posta en marcha dun espazo informativo itinerante e a creación dun programa educativo con retos prácticos para o alumnado de 12 a 25 anos.