A Xunta pon en valor o interese dos concellos en desenvolver infraestruturas verdes nos seus territorios para previr os riscos do cambio climático

Xoves, 06 Marzo 2025

A Xunta pon en valor o interese dos concellos galegos no desenvolvemento de infraestruturas verdes nos seus territorios para previr os riscos asociados ao cambio climático.

Segundo explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en Camariñas, a mellor proba dese interese é que as solicitudes presentadas aos poucos minutos de abrirse o prazo de presentación á liña de axudas da Xunta para desenvolver estas iniciativas nos espazos urbanos e periurbanos xa suporían o esgotamento do crédito dispoñible.

Ángeles Vázquez subliñou que esta liña de axudas “pioneira”, que conta cun orzamento global de 2 millóns de euros, pretende apoiar aos concellos na posta en marcha de distintos tipos de solucións baseadas na natureza e no aproveitamento dos seus recursos para prever e adaptarse aos efectos asociados ao quecemento global en espazos urbanos e periurbanos. O obxectivo é incrementar a biodiversidade deste tipo de zonas, mellorar a súa conservación, favorecer a adaptación ao cambio climático, mellorar a calidade ambiental e crear espazos máis saudables

Logo de lembrar que cada concello pode presentar ata tres proxectos, a conselleira indicou que o importe máximo das achegas será de 60.000 euros por iniciativa e cubrirase ata o 80% dos gastos subvencionables.

Entre as actuacións subvencionables inclúense intervencións en espazos públicos orientadas a atenuar o efecto illa de calor urbana -sombreado natural de rúas, redución da impermeabilidade do solo ou creación de microclimas con láminas de auga-. Tamén poderán recibir financiamento actuacións para incrementar a biodiversidade e as zonas verdes urbanas -implantación de xardíns verticais e cubertas verdes- e para mellorar as infraestruturas verdes (sendas, parques etc.) e azuis (ríos) das zonas urbanas.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe a desembocadura do rego de Canaval na praia de Arou, onde ten previsto actuar o Concello de Camariñas para previr posibles inundacións e que o río siga erosionando a terra das parcelas anexas. A actuación para a que solicitou financiamento consistiría na mellora da senda fluvial e no desenvolvemento de intervencións naturais como solos drenantes.