A Xunta lanza un programa para formar e promover a acción climática entre a xuventude galega de hasta 35 anos

Luns, 11 Novembro 2024

A Xunta de Galicia porá en marcha nas próximas semanas o programa Mocidade polo clima, unha iniciativa "de carácter transversal e pioneira" en Galicia coa que busca "formar, informar e animar a actuar fronte ao cambio climático" a máis de 10.000 mozos galegos con idades comprendidas entre os 3 e os 35 anos.

Así o anunciou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na comparecencia de prensa posterior á celebración do Consello da Xunta, que este luns reuniuse na localidade coruñesa de Noia.

Segundo explicou, na reunión do Goberno autonómico tomouse razón dun informe da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático sobre este novo programa, unha das principais novidades incluídas no II Plan rexional integrado de enerxía e clima 2024-2030, que dirixirá as liñas de acción da Administración autonómica a medio prazo para avanzar cara ao obxectivo de alcanzar a neutralidade climática no horizonte do ano 2040 e, en todo caso, en 2050.

Na práctica, o programa, cun orzamento para 2025 de 200.000 euros, desenvolverase como unha estratexia integral dividida en tres eixos de actuación: formación desde a etapa de educación infantil ata a universidade, información e divulgación canalizada a través de visitas e eventos con relatores de referencia na materia, e acción pola vía do fomento da participación activa e o compromiso entre os mozos.

En canto á formación, durante o curso 2024-2025 apostarase por tres programas adaptados a diferentes franxas de idade e enmarcados no Plan Proxecta para o fomento da innovación educativa nos centros escolares galegos.

Concretamente, potenciarase e actualizará o programa MeteoEscolas, ao que se unirá o novo MiniMeteoEscolas, dirixido ao alumnado de Educación Infantil; e xa para os mozos de entre 12 e 25 anos, a formación canalizarase a través do programa Retos climáticos, que propoñerá varios retos a nivel local relacionados con algún dos sectores de acción definidos na EGCCE para que os participantes, coa axuda e apoio dun mentor, propoñan unha solución innovadora desde unha perspectiva práctica e real.

No que respecta á divulgación, as principais novidades serán a creación dun programa pioneiro de charlas inspiradoras que percorrerá Galicia cun espazo específico que se instalará en festivais, institutos e espazos universitarios.

Ademais, estas clases maxistrais complementaranse cun gran evento anual de Inspiradores polo clima, que reunirá anualmente a persoas coñecidas e de referencia a nivel nacional e internacional para dar o seu testemuño sobre as accións ou investigacións protagonizadas neste ámbito.

Tamén se promoverá un novo programa de visitas a empresas adheridas á Alianza galega polo clima e impulsarase o programa de visitas á Rede de observación ambiental, que permite coñecer instalacións de referencia en materia climatolóxica como Meteogalicia, o Laboratorio de Medio Ambiente ou algunha das estacións de calidade do aire.

Por último, convocarase en 2025 a primeira edición dos premios Mocidade polo clima para "recompensar o talento xuvenil dándolle visibilidade a iniciativas e ideas relacionadas con algún do sectores de actividade definidos na EGCCE e que teñen algún tipo de impacto climático en Galicia".