
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva, avaliaron hoxe o proxecto para desenvolver a central hidroeléctrica Conso II, logo de que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitise o informe de impacto ambiental sobre a apertura dunha galería de investigación xeolóxica, que é un paso clave para levar a cabo esta iniciativa.
Durante unha reunión que mantiveron esta tarde en Santiago de Compostela, na que tamén participaron os alcaldes de Vilariño de Conso, Melisa Macía, e de Viana do Bolo, Andrés Montesinos, a conselleira puxo en valor que este proxecto suporía implantar un novo aproveitamento hidroeléctrico reversible que aproveitaría os embalses existentes de Cenza e O Bao, a través da construción dun circuíto subterráneo de conexión, e permitiría un reforzo de potencia para as centrais existentes.
Aínda que o proxecto está pendente de obter as correspondentes autorizacións, licenzas, permisos e informes legalmente esixibles, de levarse a cabo converteríase na primeira central en caverna da Comunidade.
Nese senso, cómpre indicar que se trataría dunha central reversible, que produce enerxía cando a demanda de consumo o require e bombea a auga turbinada desde o embalse en cota inferior ao de cota superior cando diminúe a demanda eléctrica para volver ter esa auga en disposición de turbinación.
Durante o encontro, a conselleira incidiu no compromiso do Goberno galego por apostar por un desenvolvemento sostible que respecte o medio ambiente e que permita á Comunidade avanzar cara á descarbonización e á neutralidade climática.