A Xunta e Coca-Cola reforzan a súa colaboración no desenvolvemento da economía circular e as boas prácticas na xestión dos residuos

Domingo, 10 Novembro 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo recentemente unha reunión con representantes da empresa embotelladora para analizar o labor realizado nos últimos anos no seu compromiso coas prácticas responsables e o coidado do medio ambiente. De feito, a práctica totalidade dos envases de Coca-Cola son reciclables ou reutilizables mentres que os tipo PET están feitos de media cun 50% de materiais reciclados.

Nesta liña, a multinacional foi pioneira en España na produción de botellas con tapóns adheridos, que facilitan a súa reciclaxe conxunta, ao tempo que desenvolve outras accións para a xestión eficiente do recursos necesarios para a elaboración dos seus produtos, como a redución do uso de auga.

A responsable autonómica agradeceu aos responsables de Coca-Cola en España a súa aposta continua pola innovación e a adopción de medidas coas que protexer o medio ambiente. De feito, a empresa é unha das máis de 150 entidades adheridas á Alianza galega polo clima, que pretende responder aos desafíos derivados do quecemento global e protexer o capital natural de Galicia así como a saúde e o benestar dos cidadáns fronte aos cambios derivados dese fenómeno.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que as entidades adheridas á alianza teñen á súa disposición unha oficina de apoio a través da páxina web da iniciativa e que, ao abeiro dela, se celebrarán unha serie de workshops, encontros, foros e eventos formativos para establecer espazos de intercambio de experiencias e boas prácticas, impulsar novas canles de comunicación e networking así como formar ao tecido produtivo en temas medioambientais do seu interese.