A Xunta difunde no Festival da Luz as actividades de ‘Van polo Clima’ para sensibilizar á mocidade sobre os retos ante o quecemento global

Sábado, 30 Agosto 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o posto que a Xunta ten no Festival da Luz, en Boimorto (A Coruña), para sensibilizar sobre os retos ante o cambio climático entre os seus asistentes, con especial atención aos mozos e mozas galegos. Con este evento, a iniciativa Van polo Clima, impulsada polo departamento autonómico, pon punto e final ao seu percorrido polos festivais musicais de verán celebrados en Galicia.

Ángeles Vázquez, acompañada da alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, percorreu varios dos espazos nos que esta fin de semana se está a celebrar o proxecto solidario impulsado pola artista Luz Casal. Tamén participou na entrega de premios da VIII carreira popular Cultivando deporte, Boimorto no Camiño.

A conselleira salientou que a iniciativa Van polo Clima, impulsada no marco do programa Mocidade polo Clima, pretende implicar á mocidade na loita contra o cambio climático poñendo á súa disposición información actualizada e relevante relacionada con este tema e actividades de carácter lúdico e distendido.

No festival está presente o espazo itinerante de divulgación e formación sobre o cambio climático e sobre a importancia da acción climática, que consiste nunha furgoneta rotulada con zona anexa de lecer, xogos e photocall e coa misión de chegar a mozos e mozas de entre 14 e 35 anos.

Asemade, ao igual que nos últimos anos, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático apoia a celebración do Festival da Luz, financiando diferentes accións promovidas pola organización, que van desde o emprego de diverso material serigrafiado (ecovasos e camisetas para o persoal do evento), a instalación de 10 illas de contedores para unha xestión de residuos selectiva e unha terraza eco.

A colaboración co festival inclúe actividades lúdicas, entre elas, a celebración do Escenario Millo Circus Eco: espazo familiar, que terá lugar nunha carpa e pretende a divulgación e sensibilización entre a cativada sobre a separación de residuos e a reciclaxe mediante espectáculos circenses.

Tamén haberá máis dun cento de proxeccións con consellos e prácticas sostibles nas pantallas laterais do escenario principal e do escenario Cultivando e catro obradoiros infantís de temática medioambiental con aforo para 35 nenos por sesión.

O evento

O Festival da Luz, cita solidaria promovida pola artista Luz Casal e que se celebra desde 2012 na súa casa natal de Boimorto, é un evento social e cultural de posta en valor do rural galego. De feito, ademais das actuacións musicais de distintos estilos, o festival alberga espazos destinados á gastronomía, á artesanía, ao deporte ou a actividades infantís, o que lle dá un marcado carácter familiar.

Desde a súa posta en marcha a organización do festival realizou importantes achegas solidarias a distintas entidades benéficas tanto locais como autonómicas e nacionais coa finalidade de axudar ás persoas con algún tipo de enfermidade, en dificultades económicas ou incluso para o desenvolvemento de accións como a reforestación de bosques, entre outras.