A primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles de Galicia se localizará no Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda. Unha iniciativa que se enmarca no obxectivo de mellorar as taxas de reciclaxe e promover a economía circular.
Esta planta terá capacidade para procesar 3.000 toneladas anuais, coa posibilidade de ampliarse ata, aproximadamente, as 24.000 toneladas por ano. E a súa misión será preparar para reciclar os residuos téxtiles procedentes tanto das entidades de economía social coma dos contedores da rúa.
O contrato, cuxa licitación se publicará nos vindeiros días logo de ser autorizado hoxe polo Consello da Xunta, incluirá a construción da planta, que se financiará con fondos propios e cunha achega de 10,2 millóns de euros do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), e a xestión integral da instalación por un período de dous anos, coa posibilidade de ser prorrogada por outros dous anos máis.
A previsión do Goberno galego é que a nova planta, que constitúe un dos eixos do Plan estratéxico de Sogama para o período 2025-2030, poida estar rematada e lista para funcionar en xuño de 2026. Para acadar ese obxectivo, a empresa adxudicataria terá 4 meses de prazo para a entrega e a aprobación do proxecto e algo máis de 9 meses para levar a cabo a execución da obra.
O cometido desta instalación centrarase na selección de téxtiles por composición e cores. O material seleccionado enviarase aos centros recicladores para a obtención de fibra téxtil reciclada a partir da que se confeccionarán novas prendas, aínda que tamén se poderán destinar a outros usos como a fabricación de material illante. No caso da parte non reciclable, e tendo en conta a infraestrutura coa que conta Sogama, procederase á súa valorización enerxética co fin de evitar o seu depósito en vertedoiro, que, segundo a xestión xerarquizada de residuos establecida pola UE, é a opción máis contaminante.
Cómpre lembrar que, de acordo coa Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular, desde o 1 de xaneiro de 2025 os concellos terán que implantar a recollida diferenciada dos residuos téxtiles, quedará prohibida a súa exportación e a destrución dos excedentes non vendidos e obrigarase aos produtores a incorporar unha porcentaxe de fibras téxtiles recicladas na fabricación de novos produtos, o que incrementará a demanda deste material.
Ademais, a posta en marcha desta infraestrutura pioneira en Galicia contribuirá a incrementar as actuais taxas de separación e de reciclaxe. Na actualidade só se recolle separadamente o 10,2% do residuo téxtil e o 7% do lixo que chega a Sogama na bolsa negra (a que se deposita no contedor xenérico) é deste tipo.
Esta planta enmárcase no proxecto estratéxico do Goberno autonómico para impulsar un hub ou polo téxtil cunha rede de infraestruturas que axude a atraer investimentos, empresas e proxectos relacionados cun sector en alza e que nos próximos anos se agarda que realice unha grande aposta pola reciclaxe e a innovación.