A Xunta de Galicia convidou hoxe a Financiera Maderera SA (Finsa) a implicarse na chamada Alianza galega polo clima, unha iniciativa que o Goberno autonómico quere poñer en marcha este mesmo ano para implicar na loita contra o quecemento global aos principais axentes económicos e sociais presentes na Comunidade.
No marco dunha visita á planta que ten a empresa no polígono compostelán da Sionlla-Costa Vella, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou aos responsables de Finsa a adherirse a esta rede de organizacións, concibida pola Xunta como un novo espazo de encontro e intercambio de ideas para que sector público e privado traballen xuntos na busca de respostas ante os desafíos do cambio climático.
O primeiro paso para avanzar nesta alianza, tal e como lembrou a responsable autonómica, será redactar un documento marco de compromiso que deberán asinar todas as entidades adheridas. A partir de aí, crearase unha oficina técnica para canalizar o traballo e asesorar aos seus membros e impulsarase un novo premio co que distinguir as mellores iniciativas e prácticas medioambientais na Comunidade.
Neste sentido, considerou que a Alianza galega polo clima suporá unha “oportunidade” tamén para as empresas que se sumen de aproveitar o seu compromiso medioambiental como elemento diferencial dos seus produtos, un aspecto que cada vez é máis valorado.
Precisamente, o obxectivo principal da visita, na que a conselleira estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, foi coñecer de preto os procesos produtivos que se levan a cabo na planta compostelá de Finsa, dedicada á fabricación de taboleiros aglomerados e outros produtos derivados e que nos últimos anos realizou importantes investimentos co fin de reducir as emisións e mellorar a súa sostibilidade.
Tras o seu percorrido guiado, Ángeles Vázquez subliñou as medidas impulsadas pola empresa na Sionlla para avanzar cara ao obxectivo da pegada de carbono cero, así como o seu compromiso coa reciclaxe e a reutilización de materiais —tanto propios como doutras factorías— para introducir o concepto de circularidade na fase de produción.
Así mesmo, tamén animou á empresa a implicarse no proceso de redacción da futura Lei do clima, un instrumento normativo que, precisamente, se atopa en fase de consulta pública previa para que o conxunto da sociedade coñeza os motivos polos que a Xunta decidiu iniciar a súa tramitación e, á vez, poida participar a través das súas achegas e suxestións na súa elaboración.
Por todo o exposto, a conselleira considerou que Finsa sería unha boa candidata a formar parte da futura Alianza galega polo clima en representación, ademais, dun sector clave na Comunidade, o da madeira. Pola súa parte, os responsables da fábrica recoñeceron o seu interese pola iniciativa da Xunta e amosáronse receptivos a estudar a súa posible participación.
Cómpre lembrar que Finsa ocupa unha posición destacada dentro do sector da madeira en Galicia, con máis de 90 anos de experiencia, preto de 3.300 traballadores e 5 centros galegos de produción e distribución que lle permiten operar en máis de 80 países.