
A Xunta de Galicia avanza na tramitación para a construción da planta de clasificación de residuos téxtiles de Sogama coa emisión do informe de impacto ambiental (IIA) do proxecto. O documento conclúe que non se prevén impactos significativos sobre o medio ambiente na contorna -a instalación estará localizada dentro do complexo medioambiental de Cerceda- sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no propio IIA como nos informes sectoriais vinculantes emitidos polos distintos organismos consultados.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco da avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que o documento ambiental do proxecto foi sometido a información pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación, ao tempo que foron consultados once organismos interesados. Froito desas consultas, a maioría deles realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Agora, unha vez elaborado o informe de impacto, quedaría pendente de emitir a autorización ambiental integrada (AAI) para concluír o trámite ambiental. Nesta liña, o propio documento aclara que a súa emisión se produce sen prexuízo da obriga do promotor (Sogama) de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto.
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ten en conta os informes emitidos por distintos departamentos como a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto de Estudos do Territorio, Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular, a Subdirección Xeral de Cambio Climático e Ordenación do Litoral e o Concello de Cerceda.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados -contaminación acústica, ambiental, augas, paisaxe, flora e fauna ou o patrimonio cultural da contorna, entre outros- e que sería viable a posta en marcha da iniciativa sempre que se cumpra con certos condicionantes e medidas correctoras establecidas nos seus informes.
A iniciativa
Deste xeito, a Xunta avanza na tramitación do proxecto para a construción dunha planta de clasificación de residuo téxtil dentro do complexo medioambiental que Sogama ten en Cerceda. O fin último é darlle valor a máis do 90% dos materiais téxtiles que reciba destinándoos á preparación para a reutilización, a reciclaxe, a valorización enerxética ou outras vías de xestión dos residuos.
O Executivo galego prevé investir preto de 25 millóns de euros na construción da que será a primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles da comunidade, que terá capacidade para procesar 3.000 toneladas anuais, coa posibilidade de ampliarse ata, aproximadamente, as 24.000 toneladas por ano.