A Xunta apoia os compromisos da interprofesional láctea Inlac pola sustentabilidade económica, social e ambiental dun sector no que Galicia é líder nacional

Mércores, 08 Xaneiro 2025

A Xunta aposta pola sustentabilidade social, económica e ambiental do sector leiteiro e por iso comparte e apoia os esforzos da Interprofesional láctea Inlac neste sentido. Así llelo trasladaron hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, aos responsables desta entidade, nunha xuntanza de traballo en San Caetano na que tamén participaron o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría.

Na reunión, os representantes da Inlac presentaron a súa folla de ruta para un sector lácteo económica, social e medioambientalmente sustentable. Neste documento, a interprofesional, como organización sen ánimo de lucro na que están representadas asociacións de produtores e transformadores de leite, asume unha serie de compromisos “para garantir a sustentabilidade económica, social e ambiental do conxunto da actividade, e de todas e cada unha das persoas e empresas que a integran”.

Desta forma, por parte dos diferentes actores españois da cadea de valor do leite apóstase por unha redución dos gases de efecto invernadoiro, así como das emisións de amoníaco, e por impulsar a economía circular e a calidade dos solos, da auga e os servizos ecosistémicos, entre outros obxectivos.

A conselleira do Medio Rural valorou estes compromisos e reiterou o respaldo da Xunta a un sector estratéxico do agro galego, como é o lácteo. Así, Gómez lembrou que Galicia produce arredor do 42 % do leite de vaca de toda España e que figura entre as dez primeiras rexións europeas en produción.

Estratexia sectorial e medidas de fomento

Asemade, a titular de Medio Rural incidiu en que o seu departamento impulsa este eido produtivo a través dunha Estratexia sectorial de dinamización específica e con multitude de medidas de fomento, entre as que salientan as axudas aos diferentes axentes da cadea de valor, especialmente aos gandeiros, pero tamén ás industrias de transformación.

A maiores, no que atinxe á dispoñibilidade de base territorial -unha das claves da sustentabilidade do sector-, o Goberno galego desenvolve iniciativas como as parcelarias ou as ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria, co fin de incentivar a mobilización de terreo para mellorar a competitividade das explotacións. Todo este esforzo foi posto en valor pola conselleira, quen ademais se comprometeu a seguir colaborando coa Inlac e, en xeral, con todos os axentes sectoriais, a prol desa sustentabilidade na tripla vertente social, económica e ambiental.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor a aposta pola sostibilidade do sector lácteo, que segue avanzando cara a un novo paradigma, baseado nunha actividade respectuosa co medio ambiente que dea como resultado un produto sostible e de alto valor engadido, que reforce aínda máis o renome e a reputación que xa ten.

A maiores, Ángeles Vázquez incidiu en que, desde o punto de vista ambiental, tanto a agricultura como a gandería son actividades básicas na xestión dos recursos naturais, na conservación da paisaxe e na protección da biodiversidade.  Nese senso, a conselleira lembrou tamén o compromiso do Goberno galego para garantir o equilibrio entre a preservación da fauna silvestre e o desenvolvemento do sector agrario con varias liñas de axudas para paliar e compensar os danos que sofren as explotacións gandeiras.