
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, vén de adxudicar o contrato de elaboración do plan específico para a zonificación da implantación de vertedoiros de residuos non perigosos dentro do territorio da Comunidade.
Cun orzamento de 42.686,26 euros, IVE incluído, o obxecto deste plan é identificar que zonas son aptas ou non aptas para albergar a futuro este tipo de instalacións, unha ferramenta pioneira a nivel nacional e coa que busca garantir unha xestión e distribución máis eficaz, controlada e axustada ás necesidades reais que ten Galicia neste eido.
A elaboración desta planificación farase, por un lado, aplicando unha metodoloxía baseada en sistemas de información xeográfica (SIX) e por outro, nunha análise multifactorial. Neste sentido, os principais criterios e condicionantes que se terán en conta para zonificar o territorio galego serán a proximidade a áreas residenciais e industriais, a existencia de augas subterráneas e reservas naturais próximas ou a protección do patrimonio cultural, entre outros factores.
Este enfoque permitirá recompilar, xestionar e analizar datos espaciais, identificando as áreas axeitadas para albergar este tipo de depósitos e asegurando decisións fundamentadas en evidencias, minimizando riscos ambientais e climáticos, impactos paisaxísticos e de saúde pública. Co mesmo fin, tamén se valorará unha distribución xeográfica proporcional e racional dos vertedoiros do territorio, para evitar, por exemplo, unha posible concentración destas instalacións nunha mesma provincia.
O prazo de execución do contrato é de 13 meses (incluídos os tempos de tramitación ambiental do plan) e dividirase en tres fases. A primeira centrarase en definir a metodoloxía de traballo e o inventario de condicionantes para a súa implantación a futuro e en facer unha diagnose da situación actual dos vertedoiros de residuos non perigosos autorizados en Galicia.
A continuación, elaborarase o borrador e recompilarase a información necesaria para iniciar a tramitación ambiental do documento inicial e nunha terceira fase, redactarase a versión definitiva, que estará lista o ano que vén.
Solución controlada e necesaria
Cómpre lembrar que a produción de residuos non perigosos en Galicia aumentou en case un 70% nunha década, pasando dun volume global de xeración de 1.889.828 toneladas en 2013 a un volume global de 3.191.203 toneladas no ano 2022, o que xerou maior presión sobre os vertedoiros de residuos non perigosos existentes.
De feito, a día de hoxe o único vertedoiro controlado de residuos non perigosos de orixe industrial activo en Galicia e con capacidade de recollida é o de Sobrado dos Monxes.
Aínda que a Xunta está plenamente comprometida cos obxectivos europeos e avanza no fomento da prevención, a reutilización e a reciclaxe de residuos, a eliminación dunha parte dos refugallos mediante o seu depósito en vertedoiros controlados e con todos os requisitos de deseño e seguridade que fixa a normativa vixente segue sendo necesaria, xa que ofrece unha solución final para aqueles residuos nos que calquera outra opción resulta inviable, por exemplo, os rexeites procedentes das plantas de valorización.
De feito, tendo en conta a necesidade dos vertedoiros na propia xerarquía da xestión dos residuos, o obxectivo a nivel comunitario é acadar o chamado vertido técnico 0, é dicir, reducir ata o 10% os refugallos que teñen como destino final este tipo de instalacións —porcentaxe que deberá materializarse no ano 2035— porque non se poden reutilizar, reciclar ou valorizar.