A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou o IES Sanxillao de Lugo para participar nunha actividade do programa Mocidade polo Clima, concretamente na iniciativa “Inspiradores polo clima”, dirixida ao alumnado de educación secundaria.
Durante a xornada participaron arredor de 50 estudantes de 3º da ESO, que asistiron a un obradoiro pensado para achegarlles exemplos reais de innovación e profesionais que traballan na loita contra o cambio climático.
A conselleira destacou a importancia de implicar á mocidade na acción climática e lembrou que Galicia aspira a acadar a neutralidade climática antes de 2040, apostando pola educación ambiental e pola colaboración entre administración, empresas e centros educativos.
No encontro participaron como relatores Sarah Fiol, investigadora e directora adxunta de Cretus (USC), e Marco Rubinos, cofundador da empresa tecnolóxica 3edata. Ambos presentaron diferentes proxectos vinculados á innovación ambiental, como o estudo de contaminantes emerxentes, o uso de tecnosolos para combater a eutrofización ou o emprego de tecnoloxía e drons para a análise ambiental e a prevención de incendios.
A actividade desenvolveuse en formato entrevista, permitindo ao alumnado coñecer de primeira man aplicacións prácticas da ciencia e da tecnoloxía na protección do medio ambiente. O acto rematou cunha foto de grupo e cun encontro informal no que participaron tamén estudantes de hostalería do centro.
A iniciativa Inspiradores polo clima forma parte das accións de divulgación do programa Mocidade polo Clima, impulsado pola Xunta de Galicia para formar, sensibilizar e mobilizar á xuventude fronte ao cambio climático a través de actividades educativas e de contacto directo con profesionais do sector ambiental.
