Visita da conselleira ás instalacións de Birdmind

Martes, 27 Maio 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as instalacións da empresa Birdmind en Pontevedra e salientou a importancia de firmas coma esta para Galicia pois contribúen á consecución dos obxectivos climáticos e a avanzar nun modelo de economía circular.

A responsable autonómica destacou que se trata dunha iniciativa empresarial que aposta continuamente pola investigación e a innovación co obxectivo de ser plenamente circular mediante a fabricación de materiais para a construción e o deseño de interiores a partir de desperdicios agrícolas. Ademais, faino sen consumir auga e recorrendo a enerxías de orixe 100% renovable.

Por iso, incidiu a conselleira, é unha empresa cun xeito de traballar que coincide totalmente cos principios que defende a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tanto para facer fronte ao quecemento global como para o aproveitamento íntegro dos recursos dispoñibles, buscando o desperdicio cero.

Nesta liña, agradeceu aos responsables de Birdmind que decidisen adherirse á Alianza Galega polo Clima -asinaron hoxe o protocolo de incorporación-, pois serán todo un exemplo e referente para outras compañías tanto na mellora dos seus procesos produtivos para respectar o medio ambiente como á hora de incorporarse a esta iniciativa de loita contra o cambio climático que xa conta con máis de 200 socios entre empresas, universidades, autoridades portuarias e outras entidades.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, puxo en valor que o compromiso co medio ambiente do tecido produtivo vai axudar a que Galicia acade o seu ambicioso obxectivo de ser climaticamente neutra no ano 2040, unha década antes da meta fixada a nivel europeo.

Balance emisións

Nesta liña, a conselleira engadiu que o compromiso do tecido empresarial galego neste eido foi tamén o que permitiu que sexa a comunidade autónoma líder na redución das emisións de efecto invernadoiro respecto a 1990, cun descenso de preto do 62% e moi por enriba da rebaixa do conxunto de España, do 12,6%.

De feito, e co fin de avanzar neste eido, a Xunta está a pedir ao Goberno central que as autonomías poidan participar e xestionar activamente fondos do Plan Social para o Clima, que contará cun orzamento de 9.000 millóns de euros para o período 2026-2032 dos que o 75% será aportado por Europa e o 25% restante serán achegas estatais. En total, os recursos que se prevé mobilizar a nivel europeo a través do Fondo Social para o Clima roldan os 90.000 millóns de euros.

A empresa

Birdmind é un proxecto posto en marcha recentemente polo emprendedor David Camba, 100% circular e sostible, unha empresa pioneira na fabricación de materiais innovadores para a construción e o deseño de interiores a partir de desperdicios agrícolas. Nesta liña, deseña produtos que preservan os recursos naturais baixo distintos principios como Deforestación Cero, Libre de formaldehído ou Pegada hídrica cero.

O seu produto estrela agora mesmo é o taboleiro RiceTab, fabricado a partir de cascarilla de arroz -un subproduto agrícola- que evita recorrer a madeira virxe para a súa produción ao tempo que posúe propiedades ignífugas, hidrófugas e antifúnxicas. Ademais, ao final da vida útil dos produtos elaborados con este material, Birdmind ofrece un servizo de reciclaxe polo que o taboleiro se volve a triturar e se reincorpora ao ciclo de produción, pechando o círculo dunha cadea de subministración sen desperdicio.