Televés como exemplo de compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)

Xoves, 19 Setembro 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salienta que Galicia supera xa os obxectivos da Unión Europea para 2030 en materia de redución de emisións de cara a acadar a neutralidade climática.

Segundo lembrou durante a súa visita ás instalacións de Televés, a conselleira puxo en valor que Galicia é a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (59,8%) desde 1990, superando o obxectivo do 55% establecido pola Unión Europea para o ano 2030.

A maiores, cómpre indicar que no que se refire ás emisións brutas é a segunda comunidade na que máis baixaron (33%) chegando a haber máis de 35 puntos porcentuais de diferencia con respecto ao nivel de emisións do conxunto de España, onde, ademais, non baixaron, senón que subiron un 2,4%.

Nese senso, a representante autonómica puxo como exemplo o labor que leva a cabo Televés, unha das empresas adheridas á Alianza galega polo clima, e o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) a través da planificación e desenvolvemento de varias iniciativas orientadas a contribuír ao benestar global e ao coidado do medio ambiente.

Así, fixo fincapé nas actuacións executadas de cara á redución do uso de residuos perigosos, a aposta polo uso de materiais reciclados, o fomento da mobilidade sostible e a renovación de instalacións para acadar unha maior eficiencia enerxética.

Podes ler máis información na seguinte ligazón: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/005354/angeles-vazquez-salienta-que-galicia-supera-obxectivos-para-2030-materia-reducion

 

*O proxecto Alianza Galega polo Clima está cofinanciado pola Unión Europea e Fondos FEDER.