Rueda destaca como a Galicia como o "lugar idóneo" para a economía verde e asegura o apoio da Xunta ao tecido produtivo para acadar a neutralidade climática.
O presidente salienta que, grazas a iniciativas como a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, a comunidade reduciu as súas emisións de gases de efecto invernadoiro desde 2019 nun 19,5%, triplicando o ritmo de baixada estatal e europeo.
Así o salientou o titular do Goberno galego durante a clausura da II Conferencia das partes da Alianza Galega polo Clima, na que estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e onde apuntou que Galicia “ten enormes oportunidades; temos vento, auga, condicións de loxística que nos poñen nunha situación privilexiada, polo que, con rigor e cumprindo todo o que haxa que cumprir, debemos aproveitalas para que esas oportunidades queden aquí”.
Neste sentido, puxo de manifesto a importancia da Alianza como ferramenta para coordinar esforzos de institucións, empresas, universidades, autoridades portuarias e outros colectivos. Así, despois de dous anos desde a súa posta en marcha, son máis de 160 os membros que colaboran activamente no proxecto, que busca acadar a neutralidade climática en Galicia.
“Grazas por facer que siga medrando esta Alianza, porque poidamos seguir facendo cousas que hai anos parecían imposibles e que noutros sitios nin se plantexan e que aquí estamos conseguindo”, asegurou.
Coincidindo tamén co Día Internacional contra o Cambio Climático, Rueda quixo destacar o éxito da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 impulsada pola Xunta e grazas á cal Galicia conseguiu reducir desde a súa aprobación (en 2019) as emisións netas de gases de efecto invernadoiro nun 19,5%, unha porcentaxe que triplica as reducións alcanzadas a nivel estatal e europeo. Neste sentido, incidiu na necesidade de seguir apostando por iniciativas que consoliden a posición de Galicia como un refuxio climático.
Así, o Executivo autonómico triplicará o orzamento destinado a investimentos na loita contra o cambio climático e en enerxías renovables o próximo ano, ata acadar os 9,4 millóns de euros.
Novas ferramentas
Entre as novas ferramentas que porá en marcha a Xunta no marco desta Alianza atópase a próxima creación da Plataforma Tecnolóxica polo Clima, destinada a facilitar a comunicación e o soporte entre os membros da Alianza, así como un novo programa de mentorías para compartir coñecemento e experiencia entre as entidades.
Unhas iniciativas que nacen en consonancia coa primeira Lei do Clima de Galicia, cuxa aprobación está prevista para 2025 e que fixará como obrigación legal acadar a neutralidade climática na comunidade no horizonte do ano 2040.