A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe o Centro de Innovación Norvento Enerxía (CIne), localizado en Lugo, como exemplo de compromiso coa descarbonización e modelo do desenvolvemento sostible polo que aposta o Goberno galego.
Durante a visita que realizou hoxe a estas instalacións, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira salientou o “máximo apoio” e impulso da Administración autonómica ás enerxías renovables, á descarbonización e ao emprego verde co obxectivo de “garantir o equilibrio fundamental entre o coidado do territorio e o desenvolvemento da economía”.
Nesa liña, Ángeles Vázquez puxo en valor que o edificio CIne sexa unha sede autosuficiente enerxeticamente e neta en emisións, xa que conta cun sistema que aproveita a luz do sol, a auga da chuvia e recicla as augas grises para autoabastecerse, evitando a emisión á atmosfera de máis de 160 toneladas anuais de gases de efecto invernadoiro. E, a maiores, é capaz de operar sen necesidade de conexión á rede eléctrica grazas a unha microrrede intelixente que combina, entre outros elementos, paneis fotovoltaicos, un sistema de enerxía xeotérmica, grupos de coxeración de biomasa e un sistema de baterías capaz de asegurar a permanente subministración mesmo en períodos de escasa de produción das renovables.
A conselleira tamén lembrou que a Xunta de Galicia considerou Proxecto empresarial singular o novo centro de produción cero emisións que Norvento ten previsto construír nas proximidades do CIne. Esas novas instalacións tamén serán enerxeticamente autosuficientes e encargarase da produción dunha gama de produtos de alto valor engadido como aeroxeradores de media potencia nED, solucións contenerizadas de almacenamento eléctrico con baterías e sistemas de electrónica de potencia.
*O proxecto Alianza Galega polo Clima está cofinanciado pola Unión Europea e Fondos FEDER.