
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, convidou aos membros da Alianza do Clima europea (Climate Alliance) a visitar Galicia para coñecer as medidas impulsadas pola Xunta fronte ao quecemento global e para intercambiar experiencias nesta materia.
No marco da viaxe que realizou esta semana a Austria para recoller o premio Estrela do Clima (Climate Star) concedido por esta iniciativa ao Executivo galego en recoñecemento polo seu papel como coordinador do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de dar a coñecer os avances realizados por Galicia neste eido, que a manteñen á cabeza das rexións pioneiras na mitigación do cambio climático.
Nese senso, a conselleira lembrou que as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) reducíronse en Galicia en 2023 nun 61,7% con respecto a 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas climáticas. Con estes datos, a Comunidade consolida a súa posición de liderado a nivel nacional e acércaa ao cumprimento do obxectivo da neutralidade climática no ano 2040, é dicir, unha década antes do prazo fixado pola propia Unión Europea.
Así, durante os debates organizados ao abeiro da entrega dos premios Estrelas do Clima, a conselleira abordou con representantes de delegacións de cidades de países como Austria, Alemaña, Suíza, Luxemburgo, Hungría, Croacia ou Países Baixos as medidas impulsadas pola Xunta de cara a consolidar a resiliencia da Comunidade facendo fincapé na iniciativa premiada pola Climate Alliance.
Cómpre lembrar que a Xunta coordina desde 2017 o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, que conta con 285 adheridos, dos que preto do 92% xa elaboraron o correspondente Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), que son follas de ruta fundamentais de cara a mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2.
A maiores, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, engadiu que, no marco da aposta pola colaboración entre administracións nesta materia, a Xunta presentou hai un ano a Rede local polo clima, de cara a coordinar cos concellos as actuacións para aproveitar sinerxías na loita contra o quecemento global e, ao mesmo tempo, promover políticas locais de sustentabilidade ambiental, facilitando a xestión do coñecemento así como a difusión e intercambio de experiencias.
A maiores, o Goberno galego tamén está a promover a colaboración público-privada e, nesa liña, puxo en valor a Alianza galega polo clima. Esta iniciativa que promoveu a Xunta en 2022 conta xa con preto de 200 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas-, para conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o cambio climático, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar unha Galicia neutra en emisións.
Finalmente, ademais da elaboración da futura Lei do clima de Galicia, que está previsto remitir ao Parlamento este verán, a Xunta aprobou o pasado xaneiro o II Plan rexional integrado de enerxía e clima (PRIEC) 2030, que será a ferramenta que guíe as políticas climáticas da Xunta nos vindeiros anos, de forma transversal e implicando no proceso a todos os departamentos autonómicos. En concreto, este novo PRIEC contempla un conxunto de 93 medidas con preto de 1.800 millóns de euros de investimento asignados.