Culmina a mellora da planta de transferencia de Vigo cun investimento de 3,5 M€ e completa a Rede Galega de Infraestruturas de xestión de biorresiduos

Xoves, 31 Xullo 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que a Xunta completou xa e ten totalmente operativa a rede pública de infraestruturas para a xestión de residuos orgánicos unha vez que culminou as obras de mellora da planta de transferencia que a empresa pública Sogama ten en Vigo, na que se investiron máis de 3,5 millóns de euros entre 2024 e 2025. 

A responsable autonómica explicou que o Executivo galego destinou un total de 45 millóns de euros a este sistema integral de tratamento dos biorresiduos, que pretende apoiar aos concellos no cumprimento da normativa que os obriga a contar coa recollida diferenciada destes refugallos desde o 1 de xaneiro do ano pasado. 

A rede está conformada por 13 plantas de transferencia -como a de Vigo- que dan apoio ás catro de compostaxe -unha por provincia- construídas en Cerceda (A Coruña), Cervo (Lugo), Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra). O deseño desta estrutura integral -que contou co cofinanciamento de fondos europeos- busca que a práctica totalidade dos 295 concellos adheridos ao modelo de Sogama, que dan servizo a máis de 2,2 millóns de habitantes, dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia, permitíndolles deste xeito aforrar custos e velar polo coidado do medio ambiente.

As melloras realizadas entre 2024 e 2025 na planta viguesa supuxeron o investimento de máis de 3,5 millóns de euros, dos que preto de 1,2 millóns de euros se destinaron tanto á instalación dunha moxega para o traspaso da materia orgánica recollida dos contedores marróns do concello de Vigo de cara ao seu posterior envío á planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa, onde se transformarán en abono, como á substitución da envolvente de todo o complexo.

Deste xeito, as instalacións quedan listas para a transferencia da materia orgánica e con capacidade para xestionar máis de 10.000 toneladas anuais desta fracción de residuos, que se suman ás 100.000 toneladas anuais que xestionaba xa ata agora da fracción resto (bolsa negra) e ás 3.500 toneladas anuais de envases de plástico, latas e briks (correspondentes coa bolsa amarela).

En canto á envolvente da nave, a Xunta substituínas integramente para mellorar en canto ao illamento dos ruídos e modernizando a súa aparencia, optimizando a integración na contorna, así como substituíndo elementos como os portais, que contan con sistemas de apertura automática.

Outros investimentos

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, explicou que, a maiores dos traballos para adaptar a planta de Guixar á xestión da materia orgánica, o Executivo galego investiu entre 2024 e 2025 outros 2,3 millóns de euros en actuacións adicionais relacionadas co mantemento das instalacións. Tratouse de melloras nas estruturas metálicas, nos sistemas de protección contra incendios, na instalación eléctrica e na optimización das infraestruturas de depuración así como na habilitación dun novo edificio como vestiario para uso do persoal, co fin de mellorar as súas condicións de traballo. 

Outra das melloras realizadas neste dous anos foi a renovación da terceira liña de compactación de residuos co fin de mellorar as súas prestacións e igualalas ás das outras dúas liñas existentes, o que obrigou tamén a habilitar 20 novos contedores de transporte de residuos homologados para uso ferroviario.

Ángeles Vázquez puxo en valor que todos estes investimentos buscan que a prestación de servizos na xestión de residuos sexa o máis eficiente posible e apoiar ao concellos no exercicio das súas competencias neste eido para atender do mellor xeito ao conxunto da cidadanía. Unha cuestión na que, dixo, a Xunta vai seguir apoiando ás entidades locais como fixo nos últimos anos.