
Ángeles Vázquez, Conselleira de Medio ambiente e Cambio Climático destacou hoxe a estratexia transversal da Xunta para facer fronte ao cambio climático -involucrando ao conxunto da cidadanía na adopción de medidas para a súa mitigación- e a importancia da colaboración dos concellos na resposta aos seus desafíos. Así o destacou tras recoller o premio Estrela do Clima (Climate Star) concedido pola Alianza do Clima europea (Climate Alliance) ao Executivo galego en recoñecemento polo seu papel como coordinador do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía.
A responsable autonómica, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, puxo en valor este galardón no marco dun evento que serve para recoñecer as solucións innovadoras e creativas dos membros da Alianza do Clima de toda Europa pois nel as cidades, municipios e rexións teñen a oportunidade de destacar os seus logros e presentar os seus proxectos a nivel europeo.
A Estrela do Clima que recibe a Xunta -o único galardón concedido a España- pon en valor os resultados obtidos pola comunidade no eido da gobernanza climática desde que en 2017 o Executivo galego asumiu o papel de coordinador do Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía co fin de promover e apoiar aos concellos na súa adhesión a este compromiso medioambiental.
Só un ano despois, e co fin de facilitar esa tarefa, a Administración autonómica creou a Oficina Técnica do Pacto das Alcaldías para ofrecer atención e asesoramento ás cidades e municipios galegos adheridos ao pacto axudándolles a desenvolver os seus plans de acción climática e enerxética sostibles (Paces) así como a identificar o financiamento axeitado para facer realidade estes plans.
Para facilitar o labor das entidades locais e o cumprimento dos seus compromisos, a Xunta publicou tamén dúas ordes de axudas dirixidas aos concellos asinantes do pacto canalizando así os apoios da Unión Europea de desenvolvemento rexional neste eido.
Todas estas medidas contribuíron a que a comunidade pasase de contar con 22 municipios adheridos ao pacto en 2017 aos 285 da actualidade, o que facilita que Galicia amplíe a acción de gobernanza multinivel aproveitando esta elevada participación e a experiencia dos concellos na adopción de medidas fronte ao cambio climático.
Precisamente, para mellorar a coordinación das accións a nivel rexional e local constituíuse o ano pasado a Rede Local polo Clima, un instrumento fundamental en Galicia para actuar fronte ao cambio climático e para dar cumprimento aos compromisos adquiridos na Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 co fin de impulsar actuacións prioritarias para alcanzar obxectivos como a consecución da neutralidade climática en 2040, dez anos antes da meta fixada por Europa.
Premios
O acto de entrega das Estrelas do Clima recoñece as solucións innovadoras e creativas dos membros da Alianza do Clima en toda Europa, á que a Xunta de Galicia se adheriu en xuño do ano pasado. As iniciativas gañadoras desta edición contan cunha presentación en liña na que se recollen os seus exemplos inspiradores a través de vídeos específicos sobre os proxectos que puxeron en marcha ao tempo que todos os gañadores das Estrelas do Clima se incluirán nun folleto resumo.
No marco do evento organizouse unha mesa VIP coa presenza da conselleira de Medio Ambiente e Cambio na que o vicegobernador de provincial de Baixa Austria, Stephan Pernkopf, exerceu de anfitrión. Nos debates desenvolvidos ao abeiro deste evento participaron membros da xunta executiva da Alianza do Clima e representantes de delegacións de cidades de países como Austria, Alemaña, Suíza, Luxemburgo, Hungría, Croacia ou Países Baixos.