Celebración do día Mundial do Medio Ambiente e o 25º aniversario de MeteoGalicia

Xoves, 05 Xuño 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a profesionalidade, rigor e servizo punteiro que ofrece o equipo de MeteoGalicia como o mellor aval para asumir máis competencias no eido meteorolóxico no futuro. Por ese motivo, lembrou, Galicia está a reclamar ao Goberno central o seu traspaso, como xa fixo no caso de Euskadi.

A responsable autonómica puxo en valor durante o acto de celebración do 25 aniversario de MeteoGalicia, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, o importante traballo que realiza este servizo no seu día a día permitindo anticiparse aos episodios meteorolóxicos e marítimos adversos e demostrando a importancia de poñer a ciencia útil, accesible e rigorosa a disposición do conxunto da cidadanía.

Ángeles Vázquez subliñou que Galicia apostou no seu momento, coa creación no ano 2000 de MeteoGalicia, por facer ciencia propia e predicir cuestións fundamentais coas que mellorar a vida das galegas e galegos e ao mesmo tempo coñecer a evolución do clima para poder facer fronte ás consecuencias do quecemento global. Por iso, a comunidade aspira a referendar a confianza e seguridade que ofrece este servizo ampliando as súas funcións a través da Lei do clima.

Nese sentido, no acto deuse conta de que a Xunta xa ten practicamente listos todos os informes sobre o texto lexislativo e posteriormente remitirase á Asesoría Xurídica da Xunta e ao Consello Económico e Social para o seu visto bo e co fin de iniciar canto antes o trámite parlamentario.

A responsable autonómica, que estivo acompañada pola conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, destacou que MeteoGalicia ofrece máis que un servizo meteorolóxico pois fai de ponte entre a ciencia e a cidadanía, conta cun equipo comprometido coa excelencia, a innovación e a defensa do territorio e ten unha maneira galega de entender o mundo e anticiparse ao futuro.

De feito, lembrou que os seus profesionais -físicos, matemáticos, xeógrafos e meteorólogos, entre outros- realizan unha tarefa vital para actividades económicas como a agricultura, a gandaría, a pesca, o marisqueo ou o turismo, ofrecéndolles unha información que é vital para a súa planificación a curto e medio prazo.

Servizo punteiro

Neste sentido, o evento serviu para poñer en valor a evolución dun servizo que naceu nun momento no que non había teléfonos intelixentes, redes sociais nin intelixencia artificial e que desde entón investiu de forma decidida na mellora de infraestruturas, modernización da rede de observación, incorporación de tecnoloxía de vangarda e na creación de novos modelos de predición propios para optimizar as súas capacidades.

De feito, na actualidade MeteoGalicia conta con 161 estacións meteorolóxicas automáticas, seis boias mariñas para a observación do océanos, 48 estacións fixas e unha móbil para avaliar a calidade do aire, un radar meteorolóxico propio e un sistema avanzado de satélites, 35 cámaras web por toda Galicia, un conxunto de modelos numéricos e un equipo humano de máis de 25 profesionais de altísimo nivel.