A Xunta de Galicia vén de sumar ao Real Club Deportivo da Coruña á Alianza galega polo clima, converténdose no primeiro club de fútbol en adherirse a esta iniciativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que ten por obxectivo unir esforzos para situar a Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático.
Segundo lembrou Ángeles Vázquez, a Xunta como administración ten marcado como obxectivo estratéxico acadar a neutralidade climática en 2040, 10 anos antes do establecido pola Unión Europea.
Así mesmo, destacou que Galicia é unha das tres comunidades que máis diminuíu as súas emisións respecto de 1990. De feito, os gases de efecto invernadoiro reducíronse en 2020 nun 35,9% respecto aos datos de hai 30 anos, mantendo a diferencia co conxunto de España en 30 puntos porcentuais.
A Alianza galega polo clima supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.
Logo de salientar que esta iniciativa conta xa con 30 entidades adscritas como universidades, empresas e autoridades portuarias, entre outras, Ángeles Vázquez incidiu en que “a mitigación do cambio climático é cousa de todos” e trasladou o convencemento de que a masa social que ten o Deportivo se vai comprometer, o que suporá un “pulo moi importante” para acadar os obxectivos pretendidos.